Número obxecto 12
Título do obxecto LUCERNA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Lucerna
Taboexa, As Neves
c. III-IV d. C.
Museo de Pontevedra

Datos sobre o obxecto

Estamos ante unha lucerna ou candil romano que imita a forma dunha cabeza humana con trazos negroides. Cunhas dimensións de 9 cm de longo e 6 de alto, trátase dunha peza de reducido tamaño fabricada mediante o uso da fundición en bronce e que conta cunha pátina marrón verdosa. Componse dun corpo ou depósito (infundibulum) que posúe na súa parte superior un orificio de alimentación. A presenza dunha bisagra na parte anterior desta abertura indícanos que nalgún momento posuíu unha tapa móbil que evitaba o derramamento do combustible. Presenta no seu extremo anterior unha asa (ansa) que así mesmo perdeu parte da súa decoración. O pico (rostrum) aproveita o queixo da figura. O pelo está representado mediante trazos incisos cruzados, mentres que se esaxera o resto de detalles anatómicos, con grandes ollos, nariz ancho e pómulos e queixo marcados.
As lucernas supoñían unha parte esencial da vida cotiá de calquera familia, xa que constituían un dos medios de iluminación máis comúns para as vivendas e asistían a tenue luz que proporcionaban fogares e braseiros. O exemplar que presentamos posúe dúas calidades que o fan destacar: a fabricación en metal e a súa temática decorativa. Tanto o propio material, o bronce, como a técnica desenvolvida na súa fabricación supoñen un superior custo respecto daquelas fabricadas en cerámica, moito máis abundantes dentro dos achados arqueolóxicos. A utilización de motivos derivados da anatomía humana é frecuente en múltiples culturas e épocas. A representación presente no noso exemplar supón unha visión case caricaturesca de determinados trazos étnicos. A temática denominada de «negro» ou «etíope» encóntrase xa desde tempos exipcios e gregos, e resulta unha iconografía frecuente no Mediterráneo sobre as lucernas, polo menos dende o século III a. C. Estas calidades converten a peza nun auténtico obxecto suntuario.
O seu achado aconteceu no castro ou Coto de Altamira, situado en Taboexa (As Neves, Pontevedra). O obxecto forma parte do amplo conxunto de bronces que ao longo dos anos apareceron neste xacemento e actualmente consérvase no Museo de Pontevedra. O descubrimento prodúcese con ocasión das primeiras escavacións arqueolóxicas que se levaron a cabo, durante o ano 1929, dirixidas por Cayetano de Mergelina e o profesor Sebastián González García-Paz. Con posterioridade realízase unha nova intervención en 1976, de man de A. García Alén e P. Acuña, durante a que se acharon novamente numerosos restos. Con todo, algunhas das pezas na actualidade conservadas son de procedencia accidental ou froito das abondosas escavacións furtivas. A escasa información que transcendeu fai que este xacemento se manteña como un gran descoñecido, dado que as campañas de escavación xamais chegaron a ser publicadas. Por riba, os achados carecen na súa maioría dun contexto arqueolóxico e tívose que recorrer a unha cronoloxía baseada no uso de paralelos, consonte a cal se propón unha datación que sinala a contorna dos séculos III e IV d. C. para o conxunto de estes bronces, no que se inclúe a nosa lucerna. Así mesmo, a aparición de restos de escouras e lingotes de metal en bruto apunta á probable existencia dun obradoiro onde os artesáns seguramente producisen estas pezas.
A presenza da lucerna manifesta a difusión de bens chegados a través das rutas e circuítos comerciais establecidos na etapa romana. As ideas e as modas frecuentemente arriban na forma de obxectos a través dos intercambios efectuados entre distintos grupos que adquiren as novidades a modo de elementos de diferenciación social, polo seu valor suntuario ou sinxelamente pola súa finalidade decorativa. Estes estilos e iconografías serán á súa vez paulatinamente asimilados dentro da cultura material, e en ocasións poderán ser copiados e pasarán a ser producidos a escala local.

Para saber máis

NAVEIRO LÓPEZ, Juan Luis (1991): El comercio antiguo en el N.W. peninsular, A Coruña, Museo Arqueolóxico e Histórico.
RODRÍGUEZ GARCÍA, Purificación (1999): «Bronces figurados de Taboexa», Gallaecia, 18, 287-300.