Número obxecto 15
Título do obxecto MOEDA DO REI REQUIARIO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Moeda do rei Requiario
448 d. C. 456 d. C.
Staatliche Museen zu Berlin (Alemaña)

Datos sobre o obxecto

O afán por emularen modelos imperiais, nun intento de lexitimárense e reforzaren os seus propios fundamentos de poder, é coñecido na maioría das monarquías que se foron asentando nos antigos territorios romanos. No caso suevo, tal fenómeno fíxose especialmente evidente a través das cuñaxes monetarias de Requiario, rei suevo entre o 448 e o 456, quen controlou os territorios da antiga Gallaecia e en sucesivas campañas deu dominado tamén practicamente todo o oeste e o sur da Península Ibérica. Convertido ao catolicismo, foi o primeiro rei bárbaro desta condición. Foi igualmente o primeiro rei bárbaro que inscribiu o seu nome nunha moeda, por máis que esta preservase no anverso a efixie de Honorio, desaparecido había xa un cuarto de século.
Só catro exemplares se conservaron das moedas de prata de 2,275 gramos (siliqua) acuñadas por este rei, e de dúas coñecemos a procedencia: Lanhoso, 12 quilómetros ao nordeste de Braga, e Vila Nova de Gaia, na marxe esquerda da desembocadura do Douro. O interese destas moedas está no reverso: a lenda IVSSV RICHIARI REGES arrodea unha coroa de loureiro en cuxo centro se inscribe a abreviatura BR, coas letras colocadas a esquerda e dereita do tramo inferior dunha cruz latina, como clara indicación da oficina de cuñaxe, a ceca, de Braga. Esta proclamación da monarquía de Requiario, asociada a un obradoiro de moeda bracarense, marca un fito na historia das cuñaxes dos reinos bárbaros. O rei é o centro do poder e Braga, capital da provincia romana, a súa sede, que ningunha tradición avalaba como lugar precedente de produción monetaria. O reino asume a lingua do poder imperial, que é o latín, e remite a súa comparanza á figura de Honorio, morto bastante antes de o mesmo Requiario chegar ao poder. Era o emperador que ostentaba a púrpura de Occidente na época en que os suevos se asentaran en Gallaecia e que se negara a asinar un acordo con eles. O uso do seu modelo probablemente pretenda reivindicar un pacto, fose real ou ficticio, manifestar que o reino suevo fora recoñecido legalmente por Honorio, ou quizais simplemente evocar un reinado que interpretaban como prestixioso. En todo caso a moeda reivindica a lexitimidade do primeiro reino bárbaro constituído sobre territorios do Imperio Romano, aínda antes da desaparición formal deste. Non sabemos cantas moedas se acuñaron, é imposible detectar se houbo diversas emisións, imposible tamén saber se se emitiron coincidindo cun acontecemento específico, mais parece claro que non tiñan unha finalidade económica senón autocelebrativa, o que xustificaría a mesma elección da prata como metal de cuñaxe, cando o sistema monetario romano se baseaba no ouro. Dentro dos plans de Requiario por se facer dono de toda Hispania, as cuñaxes situábano ao nivel dun caesar, con poderes sobre toda a península. Ignoramos, xaora, se estas moedas chegaron alén dos aproximadamente 75 quilómetros que separan Lanhoso do Porto, mais son, en todo caso, un importante testemuño da propia conciencia alcanzada pola monarquía sueva e do seu afán por se equiparar ao Imperio mesmo.

Para saber máis

DÍAZ MARTÍNEZ, Pablo de la Cruz (2011): El reino suevo (411-585), Madrid, Akal.
LIVERMORE, Harold Victor (1989-1990): «The coinage of the Suevic period», Nvmmvs (2.ª serie), 12/13, 39-49.
METCALF, David M. (1993): «The coinage of the first and second Suevic kingdoms: from Romanitas to Latinization», en VV. AA., Galicia: da romanidade á xermanización. Problemas históricos e culturais. Actas do encontro científico en homenaxe a Fermín Bouza Brey (1901 1973), Santiago de Compostela, Museo do Pobo Galego / Sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento / Departamento de Historia 1 da Universidade, 355-365.