Número obxecto 19
Título do obxecto MAPAMUNDI DO BEATO DE OSMA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Mapamundi do Beato de Osma
El Burgo de Osma, Soria
1086
Museo Catedralicio Diocesano de El Burgo de Osma

Datos sobre o obxecto

É un mapamundi copiado nos folios 34v-35r do beato que se conserva no Arquivo da catedral de El Burgo de Osma. O dito códice leva por data o ano 1086 e foi elaborado por Pedro e Martiño, este último posiblemente o iluminador e, xa que logo, responsable do noso mapa. Malia conservarse no arquivo catedralicio da cidade soriana, a maior parte dos estudosos coinciden en sinalar que este libro foi confeccionado no mosteiro leonés de Sahagún.
Co nome de beatos coñécense os códices que transmiten os Comentarios ao Apocalipse. Esta é unha obra atribuída ao chamado Beato de Liébana, quen viviu no século VIII, e que tivo unha gran difusión nos medios letrados da cristiandade altomedieval. Xunto á importancia e significado do seu texto, un dos aspectos máis salientables da tradición manuscrita dos beatos é que, na súa maioría, son códices iluminados. E, dentro destas imaxes, sobresaen os mapamundis, nos que se mesturan os coñecementos e ideas xeográficos da primeira Idade Media co desexo de debuxar a diáspora apostólica polo mundo e, polo tanto, a universalidade da Igrexa.
Posiblemente o mapamundi dos beatos máis completo e rico en detalles sexa este de El Burgo de Osma. Nel, coa típica disposición cartográfica da época, na que o eixo principal é leste-oeste no canto de norte-sur, vemos representados os tres continentes dispostos arredor dun esquemático mar Mediterráneo e rodeados por unha estreita franxa oceánica que está salpicada por grandes peixes e carteis que levan os nomes das illas que representan. Hai un cuarto continente, situado no extremo meridional do mundo, a modo de terra incognita. Está presidido por un sol ardente e un xigantesco esciápodo, un ser imaxinario dotado dun único e descomunal pé que se cría que habitaba nas rexións máis afastadas do mundo. O mapa complétase coa representación dunha serie de cidades que poden ser consideradas importantes desde o punto de vista mítico, político ou relixioso e, por último, con doce cabezas nimbadas que representan os apóstolos, que aparecen situados naqueles territorios que, segundo a tradición, foran o escenario das súas predicacións.
Cómpre dicir que neste mapamundi Galicia acada un protagonismo extraordinario. En primeiro lugar, porque ocupa a maior parte do espazo reservado ao conxunto da Península Ibérica. Por outra parte, porque a igrexa e sepulcro de Santiago se resalta dun xeito sobresaínte, até o punto de que case dobra en altura e lonxitude a representación de San Pedro de Roma, por non falar da comparación co esquematismo co que se resolve a imaxe de Xerusalén. Un último factor que considerar é que o cartógrafo inclúe unha representación da Torre de Hércules, que no mapa aparece identificada como «Faro» e é, xunto ao mítico de Alexandría, o único representado e un dos poucos monumentos «civís» dispostos neste mapamundi. Como detalle hai que dicir que o rótulo do faro coruñés vai en maiúsculas, mentres que o alexandrino se escribe en minúsculas.
Estes tres elementos parecen estar estreitamente relacionados entre si. Galicia é, aos ollos do autor do mapa, a parte principal de Hispania. Unha Galicia que é, sobre todo, a terra que acolle os restos do apóstolo Santiago. Un templo que aparece no mapa á beira do mar e ao que se asocia, a xeito de baliza ou fito referencial, un faro ben coñecido polos mariñeiros e xentes cultas da época e que, para máis indicacións, se sitúa en fronte da illa de Britania. Unha proximidade británico-brigantina que xa fora, por certo, recollida en mapas anteriores como o británico Cotton Map.
Tendo en conta que sabemos a data do manuscrito e mesmo a súa orixe, todo parece indicar que este protagonismo galaico-xacobeo ten que se poñer en relación coa emerxencia, nesa altura, das peregrinacións cara a Compostela, que dun xeito cada vez máis intenso ían crecendo e facéndose máis internacionais. Convén non esquecer que Galicia xa era unha realidade ben coñecida anteriormente. Pero é obvio que a súa fama definitiva na cristiandade medieval se debe á igrexa de Santiago, proceso no que este mapamundi representa, xa que logo, un chanzo esencial.

Para saber máis

BALIL ILLANA, Alberto (1978): «El códice de Beato de Liébana en Burgo de Osma: notas sobre sus mapas y las representaciones de faros en el mismo», Celtiberia, 55, 7-12.
MORALEJO ÁLVAREZ, Serafín (1992): «El mundo y el tiempo en el mapa del Beato de Osma», en José Arranz Arranz et al., El Beato de Osma: estudios, Valencia, Vicent García, 151-179.
SUÁREZ GONZÁLEZ, Ana Isabel (2010): «Beatos: la historia interminable», en Maurilio Pérez González (coord.), Seis estudios sobre beatos medievales, León, Universidad, 71-129.