Número obxecto 2
Título do obxecto COLAR DA CHOUSA NOVA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Colar da Chousa Nova
Silleda
Cultura megalítica, 4350-4240 a. C. Museo de Pontevedra

Datos sobre o obxecto

O colar da Chousa Nova é un conxunto de doas, seis de ámbar e vinte e nove de variscita, con diferentes tamaños e tipoloxías, que apareceron no interior da cámara dolménica do túmulo 1 da Chousa Nova, Silleda. Estaban in situ, colocadas secuencialmente, dispostas como un colar sobre un peito humano.
O túmulo estaba moi degradado, pero pese ao seu mal estado de conservación presentaba unha cámara megalítica non espoliada, o que permitiu recuperar o enxoval dun enterramento inalterado no interior dunha cámara que permanecía intacta. A escavación realizouse durante as obras de construción da LAV Ourense-Santiago, que obrigaron a escavar o monumento na súa integridade, aínda que, posteriormente, foi remontado e reconstruído xusto no mesmo lugar, sobre o falso túnel que cobre a liña férrea neste punto.
O colar ocupaba a zona central da cámara e xunto a el apareceron dous instrumentos líticos puídos, sen evidencias de uso, e un afiador. Podemos estar ante unha inhumación individual que ocupaba o interior da pequena cámara no momento no que a lousa de cuberta colapsou e caeu sobre os restos, co cal os preservou in situ ata a súa descuberta.
As contas de pedra verde poden estar traballadas en diferentes tipos de rocha, pero neste caso son todas de variscita; tal material non é moi frecuente nos enxovais do megalitismo do noroeste peninsular, aínda que tampouco son unha novidade. Na Chousa Nova pode salientarse o número no que aparecen, 29 doas, que o converten no enxoval máis numeroso deste tipo de mineral coñecido no noroeste peninsular. Esta abundancia pode explicarse por tratarse dun enterramento intacto; noutros casos parte das doas, ao proceder de túmulos afectados por espoliacións, puideron perderse con facilidade durante o proceso de alteración dos xacementos.
As analíticas realizadas invitan a pensar que a variscita procede de Zamora, posiblemente da zona de Palazuelo de las Cuevas, área da que tavez proveña ademais unha parte das doas localizadas en enterramentos megalíticos bretóns. De todos os xeitos tamén coñecemos pequenas vetas deste material en Galicia, polo que non se pode asegurar polo momento que non sexan de procedencia galega. No caso do ámbar non existe posibilidade de dúbida: trátase dun material foráneo, xa que as vetas máis próximas están na cornixa cantábrica; por agora, o único que podemos asegurar sobre a súa procedencia é que non son de orixe báltica.
Coñecer a procedencia dos materiais é algo moi importante, posto que nos permite rastrexar ata onde se estendían as redes de intercambio das comunidades neolíticas, moitas veces con resultados sorprendentes. Tamén nos están falando da importancia do adorno persoal para estas xentes e da forte carga semiótica que determinados materiais, ou obxectos, debían de ter como marcadores de estatus. A importancia que se outorgaba a algúns materiais pode verificarse no caso do colar da Chousa Nova, no que unha das doas de variscita, pese a estar fracturada e conservar unicamente unha metade, foi reaproveitada en época prehistórica para mantela engarzada dentro do colar.
Non podemos asegurar o momento no que se produciu o colapso e peche do túmulo, pero si sabemos que se construíu nun momento inicial do megalitismo galego, xa que temos unha datación absoluta que o sitúa entre o 4350 e o 4240 a. C. Esta datación convértea nunha das cámaras megalíticas máis antigas das que coñecemos ata o momento en Galicia.
Ademais de pola súa antigüidade, parte da relevancia deste achado vén dada pola posibilidade de reconstruír parcialmente o ritual dun enterramento neolítico. É importante ter presente que a acidez dos solos galegos impide a correcta conservación dos restos orgánicos, o que dificulta enormemente a interpretación arqueolóxica. Neste caso as evidencias permiten supoñer que no interior da cámara se depositou un cadáver en decúbito supino, cun colar sobre o peito, un cicel próximo á súa man dereita, unha aixada xunto á cabeza e un afiador aos pés, apoiado contra a entrada da cámara. Non conservamos restos dos elementos orgánicos que acompañaron o enterramento, nin do fío que unía as doas, nin dos encabamentos de madeira dos instrumentos líticos, nin das roupas nin doutras posibles ofrendas que supoñemos que completaban o enxoval. Unicamente os obxectos de pedra e as doas de ámbar foron quen de resistir 6000 anos no contorno ácido que os rodeaba.

Para saber máis

BÓVEDA FERNÁNDEZ, María José (2012): «O adorno», Gallaecia Petrea: catálogo da exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia / Fundación Cidade da Cultura de Galicia, 146-149.
DOMÍNGUEZ-BELLA, Salvador / María José BÓVEDA FERNÁNDEZ (2011): «Variscita y ámbar en el Neolítico gallego: análisis arqueométrico del collar del túmulo 1 de Chousa Nova, Silleda (Pontevedra, España)», Trabajos de Prehistoria, 68:2, 369-380 (http://tp.revistas.csic.es/index.php/tp/article/viewFile/477/493).
GAGO, Manuel (2012): "Os secretos dun dolmen intacto: a escavación da cámara megalítica da Chousa Nova (Silleda, Pontevedra)", Culturagalega.org, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://culturagalega.gal/imaxes/docs/infografico_chousa_nova.pdf).