Número obxecto 23
Título do obxecto ARCEBISPO XELMÍREZ NO TOMBO DE TOXOS OUTOS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Arcebispo Xelmírez no tombo de Toxos Outos
San Xusto de Toxos Outos (Lousame)
c. 1289
Archivo Histórico Nacional (Madrid)

Datos sobre o obxecto

Entre os tombos monásticos galegos, que tan abundante e tan rica información nos transmitiron sobre a sociedade medieval, o do mosteiro dos Santos Xusto e Pastor de Toxos Outos distínguese de maneira especial polas seis notables miniaturas con que se ilustra o texto doutras tantas das pezas documentais que nel se copiaron. Composto no escritorio monástico no ano 1289 ou nos inmediatamente posteriores, consérvase na actualidade no Archivo Histórico Nacional coa signatura CÓDICES, L.1002. A máis interesante das ilustracións que o decoran é a que figura ao verso do folio 2 e débese o interese non só ou non tanto á súa calidade artística, senón, sobre todo, ao feito de conter a imaxe máis antiga que se conserva, e a única que nos chegou desde a Idade Media, do primeiro arcebispo compostelán, don Diego Xelmírez. Posterior en século e medio á morte do prelado en 1140, non semella que poida transmitir nada realmente significativo verbo da súa fisionomía, mais tanto a súa antigüidade como a frecuencia das súas reproducións terminaron por asociar esta pintura á realidade histórica do personaxe e por convertela a ela mesma nun destacado obxecto representativo do pasado de Galicia.
Da posición central de Diego Xelmírez na historia da igrexa que presidiu, na historia da Galicia feudal e aínda na historia da Hispania do século XII caben poucas dúbidas. Grazas á calidade e á cantidade da información que verbo del, e en boa medida polo seu propio empeño, se conservou ata os nosos días, é posible reconstruír con precisión notable a súa poderosa e en moitos aspectos decisiva acción nos tres ámbitos en que se levou a cabo: a cristiandade latina, o reino leonés e o señorío dos bispos composteláns. En cada un deses tres niveis, a pegada xelmiriana foi profunda e duradeira e, por sinalar tres testemuños destacados, é ben visible na elevación á dignidade metropolitana da sé compostelá, na creación da fronteira galaico-portuguesa ou na plena configuración da Terra de Santiago como espazo señorial.
Seguía viva a súa memoria, sen dúbida, cando os monxes copistas e ilustradores facían o seu traballo no retiro de Toxos Outos e algo debeu de pesar a lembranza na decisión de incluír o bispo compostelán na apreixada selección de reis, raíñas e aristócratas representados no tombo, posto que a relación de don Diego co texto ilustrado é menos directa que a dos demais personaxes, protagonistas todos eles dos documentos que acompaña a súa efixie. Non podemos coñecer todas as claves explicativas da escena en que se fixo figurar o arcebispo de Santiago, en boa medida porque o paso do tempo deteriorou a escrita dos primeiros folios do códice ata facela, nalgunhas pasaxes, ilexible. Sabemos que ten que ver coas orixes do cenobio, nado, segundo se nos di, durante a vida do arcebispo don Diego. O centro da miniatura está ocupado polos dous nobres homes de armas, Fruela Alfonso e Pedro Muñoz, que, tras anos de dedicación aos mesteres propios dos bellatores, decidiran fundar o mosteiro dedicado aos santos Xusto e Pastor e acollerse alí ao modo de vida dos cenobitas. Sentados e espadas en alto, son admirativamente contemplados, desde a dereita, por un grupo de laicos da súa mesma ou semellante condición e, desde a esquerda, son sinalados e bendicidos polo arcebispo. O ilustrador do manuscrito subliña o pasado militar destes guerreiros logo convertidos en monxes. E a figuración dun Xelmírez que bendice os dous milites en nada desentoa, senón todo o contrario, co que del sabemos como impulsor da guerra santa e predicador da cruzada.

Para saber máis

FLETCHER, Richard A. (1984): Saint James’s Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela, Oxford, University Press. [Versión en galego (1993): A vida e o tempo de Diego Xelmírez, trad.: Henrique Monteagudo Romero / María Xesús Lama López, Vigo, Galaxia.]
PÉREZ RODRÍGUEZ, Francisco Javier (ed.), (2004): Os documentos do tombo de Toxos Outos, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.
SICART GIMÉNEZ, Ángel (1981): Pintura medieval: la miniatura, Santiago de Compostela, Fundación Sánchez Cantón.