Número obxecto 27
Título do obxecto SANTIAGO O MAIOR ENTRE DOUS PEREGRINOS ORANTES

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Santiago o Maior entre dous peregrinos orantes
Santiago de Compostela
Finais s. XV primeiro terzo s. XVI d. C.
Museo das Peregrinacións e de Santiago

Datos sobre o obxecto

Esta pequena escultura en acibeche, de 11 cm de altura, 6 cm de ancho e 2,5 cm de profundidade, representa a Santiago como peregrino, xunto cunha parella de orantes, tamén peregrinos, que o flanquean implorando a súa mediación. O apóstolo conta con groso manto aberto e túnica curta, pechada con seis botóns á altura do peito; unha prenda que evoca, coa súa multiplicidade de pregaduras —pese ao rudo estilo dun artífice non moi refinado—, a natureza dunha vestimenta cómoda, confeccionada cunha tea máis fina ca o manto. Tóucase cun sombreiro de ala dobrada na fronte, adornado coa característica cuncha de vieira, emblema xacobeo por excelencia, e porta na súa man esquerda as Sagradas Escrituras en forma de libro aberto, mentres que a dereita sostén o bordón, do que pende unha escarcela de forma trapezoidal, máis ancha na súa parte inferior. A cabaza para o viño ou a auga parece pendurar do seu pulso ou do antebrazo esquerdo. Os dous orantes vístense con manto e longa túnica, mostran a súa devoción coa súa actitude e co rosario e levan nas costas o sombreiro. A pesar da súa modestia técnica, o artífice realiza un notable exercicio de naturalismo, pois tanto as vestimentas como os atributos se inspiran no natural, no aspecto dos peregrinos de fins do século XV e principios do XVI. Polas súas características formais e iconográficas, o obxecto é un daqueles «Santiagos de pernas» descritos nos inventarios de mediados do XVI, que servían á devoción dos peregrinos de certa condición social e ao desenvolvemento da industria acibecheira compostelá.
É relativamente abundante este tipo de imaxes, como proban os exemplares do Instituto de Valencia de Don Juan (Madrid) e o da catedral de Ávila, cuxa escarcela contiña unha reliquia de Santiago, hoxe perdida. A peza da que tratamos, conservada desde 2008 no Museo das Peregrinacións e de Santiago, procede do mercado artístico internacional, pero sábese que formou parte da Kunstkammer dos príncipes Oettingen-Wallerstein, no castelo de Harburgo (Suabia, Baviera), onde ocupou o seu lugar como obxecto de culto, ata que na segunda guerra mundial os propietarios tiveron que prescindir de parte da súa colección. É posible que un membro da familia condal Oettingen-Oettingen, propietaria do castelo desde fins do XIII ata 1731, ano no que se vai incorporar á casa OettingenWallerstein, fose como peregrino a Compostela nunha data imprecisa de fins do século XV ou do primeiro terzo do XVI, antes das convulsións da Reforma; que levase consigo, na viaxe de regreso, este recordo devocional e que desde entón se conservase como parte do patrimonio máis entrañable da familia na Kunstkammer do castelo.
O seu significado máis fondo reside no aspecto espiritual e devocional, pois representa a busca de indulxencias e a súplica dos fieis peregrinos pola mediación dun apóstolo que se identifica con eles, asumindo o aspecto dos peregrinos para evidenciar a itinerancia do evanxelizador dos confíns de Occidente. Nesta iconografía plenamente medieval, nacida no século XII ao abeiro da peregrinación xacobea, o apóstolo porta uns atributos que contiñan unha significación precisa, desvelada no sermón Veneranda dies do Calixtino: o bordón simboliza a fe na Trindade; a cuncha de vieira, pola súa parte, vello amuleto da cultura precristiá, preservador da saúde e o benestar, representa a partir do século XII as boas obras nas que o peregrino debe perseverar ata a fin dos seus días. Esta pacífica iconografía sublimaba a aparencia de simple viaxeiro que podían presentar os xacobitas no tránsito do século XV ao XVI, nunha síntese maxistral que propiciou desde o século XII a identificación entre Santiago e os seus devotos. Na época en que se realizou este «Santiago de pernas» acudían á tumba do apóstolo peregrinos de toda condición e nación, entre os que é significativa a presenza de cabaleiros europeos á procura de aventura —coñecer terras distantes e participar en torneos e combates contra o islam andalusí—, que compaxinaban a ansia guerreira e os ideais cabaleirescos coa devota visita ao santuario compostelán. A produción destes acibeches coincide, polo tanto, cun tempo de probada vitalidade para o Camiño de Santiago, antes da crise da Reforma.

Para saber máis

FRANCO MATA, María Ángela (1998): «Acibeche compostelán no marco da peregrinación, a devoción e a liturxia (séculos XV e XVI)», en Francisco Singul Lorenzo (dir.), Pratería e acibeche en Santiago de Compostela: obxectos litúrxicos e devocionais para o rito sacro e a peregrinación (ss. IX-XX), Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 127-155.
JACOMET, Humbert (2004): «Saint Jacques pèlerin : “Hechura de los caminos” ?», en María Ángela Franco Mata (coord.), Patrimonio artístico de Galicia y otros estudios: homenaje al prof. Dr. Serafín Moralejo Álvarez, t. III, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 107-137, especialmente 118-132.
OSMA Y SCULL, Guillermo Joaquín de (1999): Catálogo de azabaches compostelanos (ed. facsimilar), Santiago de Compostela, Consorcio / Ara Solis, 58-61 e 189-202.