


Número obxecto | 28 |
---|---|
Título do obxecto | BIBLIA KENNICOTT |

Gústache?
Coñecíalo?
Características
Cartela
Biblia Kennicott
A Coruña
1476 (edición facsimilar, 1985)
Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela)
Datos sobre o obxecto
O códice hebreo finalizado «na cidade da Coruña, na provincia de Galicia no Noroeste de España», o 24 de xullo de 1476, é coñecido universalmente como Biblia Kennicott, en honor de Benjamin Kennicott, cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford, quen recomendou, arredor do ano 1770-1771, a compra dun manuscrito hebreo do Antigo Testamento, o cal posteriormente pasou á biblioteca Bodleian, en Oxford, onde se atopa na actualidade.
O copista, Moses ibn Zabara, realizouna para Isaac, fillo do finado don Salomón de Braga, dos que se ignora calquera outro dato. Para isto utilizou 461 follas, de 300 × 235 mm, escritas con letra cadrada sefardí en tinta marrón, maioritariamente en dúas columnas por páxina e 30 liñas por columna. O artista encargado da decoración foi Joseph ibn Hayyim —tal como el mesmo escribiu, usando letras zoomorfas e antropomorfas todas diferentes entre si, no colofón do texto—, quen empregou para a iluminación do manuscrito motivos xeométricos, vexetais e animais e figuras humanas. Destacan, entre estas últimas, a do rei David, a do adiviño Balaam ou a de Xonás sendo tragado por unha balea, o cal non é estraño porque a representación da figura humana, na Baixa Idade Media, estivo permitida nos manuscritos hebreos; o que estivo prohibido foi a adoración das imaxes, a idolatría. Foi encadernada con pel de cabra de cor marrón, decorada con entrelazados xeométricos e protexida cun estoxo de madeira.
De toda a produción artística hebrea, un dos campos máis significativos foi o da iluminación de manuscritos. Esta importancia responde ao concepto que do libro se ten no mundo xudeu: é o contedor da palabra divina, da revelación e, xa que logo, da Lei, e é, sen dúbida ningunha, a Biblia o libro por excelencia. No caso concreto da Biblia Kennicott supón ademais a confirmación da presenza xudía na Coruña e, por extensión, en Galicia, moi escasamente documentada por outras vías.
No entanto, malia esta escaseza documental tense constancia de xudeus distribuídos por todo o territorio galego, quer vivindo illados —en Pontedeume, Ferrol, Mondoñedo, Caldas de Reis, Noia, Pontevedra, Celanova ou Monterrei—, quer formando comunidades organizadas. É o caso dos xudeus da Coruña, Betanzos e Ribadeo; Ourense, Monforte, Allariz e Ribadavia; ou de Baiona e Tui. O número de habitantes destas comunidades oscilou, segundo a documentación tributaria conservada, entre 195 familias no ano 1464 e 33 en 1490-1491, ás que habería que engadir aqueles individuos que estiveron exentos de tributación. A pesar diso, os xudeus galegos non foron senón un sector moi minoritario, por veces mesmo marxinal, dentro do conxunto da poboación cristiá.
Nos núcleos urbanos xudeus e cristiáns compartiron o mesmo espazo, non existindo xuderías, agás en Allariz en 1289, ata os anos finais do século XV. En Ourense, viviron maioritariamente na rúa Nova; en Ribadavia na rúa da Judairia; na Coruña próximos á Porta dos Ares; e en Tui distribuídos por todo o perímetro urbano. Nestas zonas, onde habitaron un maior número de xudeus, situáronse as sinagogas. As de Ourense e Ribadavia fixérono nunha casa onde debeu de reservarse un cuarto para o culto, a de Tui nun espazo próximo á muralla convertido posteriormente en corte para os cabalos. Cabe salientar o caso da da Coruña. Segundo algúns indicios puido situarse na actual rúa da Sinagoga, localización que coincide con aquela onde a tradición a identifica e que, de se confirmar este feito, sería a única sinagoga galega que fica en pé. Fóra dos núcleos urbanos estendéronse os cemiterios hebreos, de entre os cales se conservan restos materiais —tres e dúas lápidas respectivamente— do da Coruña e do de Pontevedra, e referencias documentais aos de Allariz, Tui e Monterrei.
Os xudeus galegos ocupáronse en oficios artesanais e no comercio de venda ao detalle en tendas, e tampouco faltan referencias a recadadores de tributos e médicos, ambos os dous relacionados fundamentalmente coa nobreza e a Igrexa.
É, pois, no marco da escaseza documental e material sobre a presenza xudía en Galicia onde a Biblia Kennicott adquire un maior relevo por se tratar dun dos pouquísimos restos materiais hebreos conservados, e que grazas ao traballo de Moses ibn Zabara e de Joseph ibn Hayyim está considerada como un dos máis importantes manuscritos hispanohebreos medievais.
Para saber máis
ANTONIO RUBIO, María Gloria de (2006): Los judíos en Galicia (1044-1492), A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza.
FACSIMILE EDITIONS (2015): «The Kennicott Bible», London (http://www.facsimile-editions.com/en/kb/).
NARKISS, Bezabel / COHEN-MUSHLIN, Aliza (1985): La Biblia Kennicott, trad.: Dorotea M. Guyatt Collingwood / J. J. Medin Guyatt para a Librería Arenas da Coruña.