Número obxecto 3
Título do obxecto ESTELA ANTROPOMÓRFICA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Estela antropomórfica
Mazaricos
c. 3200-2500 a. C.
Museo Arqueolóxico e Histórico
do Castelo de San Antón. A Coruña

Datos sobre o obxecto

Esta é unha pequena escultura feita sobre un bloque de gneis granítico bastante plano (cun lado lixeiramente cóncavo) e de forma ovalada, de 42 cm de longo por 32 cm de ancho máximo e un espesor de 5 cm. A pedra natural foi tallada moi superficialmente para representar de xeito moi xeral unha figura humana: con só unhas poucas entalladuras ou extraccións e puídos do contorno do bloque modeláronse as formas naturais para marcar a cabeza, os ombreiros, uns apéndices que poden representar os brazos, uns rebaixes para indicar a cintura e cadeiras e, rematando a base da escultura, un semicírculo apuntado. Conforma o que o seu descubridor, Antón A. Rodríguez Casal, chama «estela de tipo cruciforme» ou «estela antropomórfica». É unha das primeiras manifestacións da representación humana no noroeste da Península Ibérica e estelas coma esta teñen aparecido en numerosas ocasións en Galicia.
A peza atopouse durante a escavación arqueolóxica da mámoa da Mina da Parxubeira, que se encontra no lugar de Parxubeira (Mazaricos, A Coruña), levada a cabo entre 1977 e 1983. Foi localizada no atrio: un chan preparado exterior ao acceso da cámara, na entrada do corredor, xunto con outras tres estelas fincadas verticalmente (de pé) e mais un conxunto de cinco cantos rolados de formas ovaladas (betilos) no que destaca un decorado con varias liñas gravadas que poden representar os ombreiros e brazos. O dolmen no que apareceu forma parte dun grupo de sete mámoas que están aliñadas nun eixo leste-oeste.
En Galicia, este tipo de pequenas esculturas abundan nos monumentos megalíticos ou mámoas, os enterramentos do Neolítico (aproximadamente entre 4500-2500 a. C). Teñen formas e tamaños variados, pero sempre cun espazo para enterrar no centro e unha medorra que o cobre; usáronse e transformáronse durante varias xeracións neste longo período.
Tales tumbas son a primeira construción feita en Galicia con intención de perdurar, auténticos monumentos, e incluso actualmente son unha parte indispensable da paisaxe cultural do país.
Estas pequenas esculturas puideron ser colocadas durante os rituais de enterramento nos dolmens, de pé e facendo unha liña que marcaba a transición entre o interior e o exterior do monumento, nunha zona do atrio onde se adoitan localizar gran cantidade de restos dos ritos funerarios. Son máis habituais nos grandes enterramentos propios do final do Neolítico avanzado, como poden ser Dombate (Cabana), Cova da Moura (Noia) ou a propia Mina da Parxubeira.
Pola súa posición poden estar a representar os asistentes ao enterro ou os oficiantes dun rito que están fóra da cámara, mentres que o corpo do defunto se atopa ou se coloca no interior do dolmen. Tamén chegan a interpretarse como os devanceiros enterrados dentro do dolmen ou, para Rodríguez Casal, como gardiáns das sepulturas.
Esta estela mostra a presenza en Galicia dun tipo de representación que aparece vinculado ás fases avanzadas do megalitismo en toda a Península Ibérica (3200-2500 a. C.), e mesmo fóra dela. Esta clase de representación ten trazos antropomorfos, a miúdo cuns grandes ollos, e aparece executada sobre diferentes tipos de soporte, incluídas estatuas de vulto redondo como esta, placas pétreas, cerámicas ou representacións parietais. Tradicionalmente interprétase como a representación dunha divindade que mesmo se denomina «deusa dos grandes ollos» e que se vincula ao moucho e, a través del, á capacidade de ver todo e á omnisciencia.
Nesta estela de Parxubeira estes atributos non son obvios. O que destaca dela son as súas nítidas formas humanas, feitas con grande economía de medios. A humanización da pedra depende máis de onde se coloca e como se coloca que do investimento de traballo para facer unha escultura tallando e labrando a pedra. O seu sentido está xa dado na natureza, que para aquela xente non debía de ser algo distinto á cultura, senón parte do mundo no que vivían e morrían. E o sentido faise emerxer traballando a pedra, situándoa nunha posición especial ou simplemente pensándoa.
Non sabemos, e posiblemente non saibamos nunca, que significaban esas estelas. Non importa. Entendemos o máis importante: como se relacionaban con elas os humanos que «as facían». Este obxecto mostra que
hai moitas formas distintas de «facer».

Para saber máis

FÁBREGAS VALCARCE, Ramón (1993): «Las representaciones de bulto redondo en el megalitismo del Noroeste», Trabajos de Prehistoria, 50, 87-101 (http://tp.revistas.csic.es/index.php/tp/article/view/490/506).
RODRÍGUEZ CASAL, Antón Abel (1989): La necrópolis megalítica de Parxubeira (San Fins de Eirón, Galicia): campañas arqueológicas de 1977 a 1984, col. Monografías urxentes do Museu de San Antón, núm. 4, A Coruña, Museu Arqueolóxico Provincial.
— (2002): «Imagen apotropaica y espacio ritual funerario en el megalitismo gallego (4000-2000 a.C.)», Sémata: Ciencias Sociais e Humanidades, 14: Profano y pagano en el arte gallego, 15-36.