Número obxecto 31
Título do obxecto DESCRICIÓN DO REINO DE GALICIA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Descrición do Reino de Galicia
Antuerpen (Bélxica)
Hernando de Oxea, s. XVII
Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela)

Datos sobre o obxecto

Considerado o primeiro mapa xeral de Galicia, a Descripción do dominico ourensán Hernando de Oxea foi gravada en Antuerpen por Jan Baptist Vrients en 1603 e pasou a formar parte do Theatrum Orbis Terrarum, de Abraham Ortelio. En maio de 1604, o secretario real Andrés de Prada recibiu as duascentas primeiras estampas que concertara con Vrients, o gravador e editor que se fixo cargo do negocio cartográfico de Ortelio, finado en 1598. A estampa acompañábase dun texto, tamén de Oxea, no que se describían de forma breve situación, producións e historia civil e relixiosa do territorio.
Aínda que as «táboas xeográficas» tamén podían difundirse soltas, como lle aconteceu á de Oxea, o simple feito da súa inclusión neses volumes unitarios coñecidos como atlas desde tempos de Mercator supuxo un extraordinario elemento de normalización para a representación cartográfica dun territorio. Desde mediados do XVI, os cartógrafoseditores dos Países Baixos converteron a produción de atlas nun florecente negocio que tirou todo o partido dos avances nos sistemas de proxección e do gravado calcográfico.
Fronte ás impresións feitas con tacos de madeira (xilografía), o recurso a pranchas metálicas de estampaxe permitía obter maior detalle na representación cartográfica, así como a inclusión dunha nomenclatura topográfica máis lexible. Alén diso, as pranchas podían ser reutilizadas en sucesivas ocasións sen que iso supuxese perder calidade nas reproducións e mesmo eran susceptibles de ser modificadas para introducir topónimos ou para reflectir con maior precisión os accidentes xeográficos.
Grandes centros produtores como Antuerpen ou Amsterdam abasteceron de mapas un mercado crecente e que xeraba unha demanda que satisfacía con anovados produtos cartográficos que, unha vez insertos en atlas, pasaban a se converter en parte do imaxinario común de quen, sen viaxar, coñecía o mundo a través dos mapas.
Para a historia do coñecemento de Galicia, a Descripción de Oxea cumpre o papel de ofrecer un mapa xeral que se integrou no acervo cartográfico europeo, na súa auténtica imaxe do mundo, cando se incorporou ao Theatrum orteliano. No seu ronsel, o mapa formou parte dalgúns dos principais atlas do XVII, como os de Blaeu, Hondius ou Janssonius. Malia iso, xa en 1604, Prada alertaba dos seus erros e anunciaba que deberían ser emendados nunha segunda edición que tamén correría pola súa conta e para a que Oxea compuxo unha nova Verdadera descripción cuxo orixinal manuscrito se conserva en Berkeley.
Oxea non puido seguir de preto o proceso editorial porque residía en Santo Domingo de México desde a década de 1580. Semella que unicamente retornou cando alborexaba o século e, así, atopábase en Santiago en 1601, para volver a México en 1603. Puido viaxar á corte para se ocupar da impresión da súa Venida de Cristo (1602) e, máis tarde, debeu de regresar para editar a súa Historia del apóstol Santiago (1605), cuxa dedicatoria asina en Madrid a fins de 1614.
Esta iniciativa cartográfica gardaba relación coa empresa de compoñer unha Historia general de Galicia. Para escribila, Oxea recolleu documentación en fontes literarias, mais tamén en arquivos e bibliotecas de casas nobiliarias galegas, como as de Lemos, Monterrei, Ribadavia ou Gondomar, cando retornou a España. É a esta elite territorial á que quixo vincular as súas iniciativas históricas e cartográficas; por exemplo, enviando a Diego Sarmiento de Acuña borradores da súa Historia desde México ou dedicando a Lemos a Descripción. Canda o tamén galego Prada, que realizou os pagamentos do mapa, unha boa parte desta elite mobilizouse en prol da concesión do voto en Cortes ao Reino.
Grazas á decisión de gravar o mapa e de incluílo no Theatrum, Galicia fixo a súa entrada no canon cartográfico, a través do cal un crecente número de europeos puido recoñecela como un territorio particular no espazo do mundo.

Para saber máis

BOUZA ÁLVAREZ, Fernando Jesús (2009): «Dar Galicia y el gallego a la imprenta: As Galegadas y A História de Galicia de Lobariñas Feijoo, la Verdadera descripción de Ojea y algunas iniciativas historiográficas de la primera mitad del siglo XVII», Obradoiro, 18, 9-44.
CABANO VÁZQUEZ, José Ignacio (1998): «Frei Hernando Ojea (1543-1615): un libro sobre Santiago escrito en Nova España por un galego», Estudios migratorios, 5, 201-222.
HERNANDO RICA, Agustín (1998): Contemplar un territorio: los mapas de España en el Theatrum de Ortelius, Madrid, Instituto Geográfico Nacional.