Número obxecto 35
Título do obxecto EXVOTO MURAL

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Exvoto mural
Ribadeo
1606
Capela da Nosa Señora das Virtudes da Ponte. Ribadeo

Datos sobre o obxecto

Os exvotos son obxectos a través dos cales os fieis dun credo deixan constancia pública do seu agradecemento por un favor recibido ao que atribúen unha orixe transcendente. Tal favor é representado materialmente quer mediante o mesmo obxecto votivo, de maneira parlante —por exemplo, reproducindo a escala a parte do corpo sandada—, quer de forma figurada, en especial pictórica, a cal adoita acompañarse de inscricións que relatan as circunstancias do beneficio recibido.
A súa ofrenda constituía unha práctica moi estendida e era unha experiencia dotada de carácter constitutivo por se relacionar coa crenza na Providencia, entendida como presenza cotiá de Deus entre as súas criaturas. A acción providencial era invocada para explicar os sucesos felices ou desafortunados que afectaban individuos ou comunidades, da curación á enfermidade, pasando polas inclemencias naturais. Ao seu xeito, supuña poder enfrontarse ao desamparo humano ante as forzas da Natureza e, desde antigo, permitiu abrigar a idea de establecer unha sorte de negociación con estas mediante ofrendas propiciatorias.
No catolicismo tridentino, o exvoto experimentou unha innegable proliferación tanto pola reafirmación na acción providencial como polo recoñecemento dogmático do papel da Virxe e dos santos, cuxa función mediadora se viu reforzada. Sen se poder desbotar a intención de cristianizar lugares de memoria sacra antiga, o fincapé na ofrenda de exvotos tamén garda relación co valor das obras e o carácter exemplar atribuíble á difusión de mostras da protección sagrada que facía que o milagre fose unha posible experiencia cotiá.
Ese exvoto, pintado ao fresco en Nosa Señora das Virtudes da Ponte, responde á tipoloxía común: narración pictórica dunha intervención en alta mar da advocación titular do santuario e longa epígrafe que explica os pormenores da mediación. Segundo isto, o capitán de infantería Domingo de Carranza Aguiar visitou o templo en 1594 antes de embarcar para as Indias, onde sufriu un naufraxio fronte ao cabo de San Antonio ao ano seguinte.
Cando un trebón de furacán e norte desarborou o seu navío e o afundiu, encomendouse á Virxe das Virtudes. O trebón deu paso á bonanza e, malia os estragos sufridos, a nave percorreu aínda máis de duascentas sesenta leguas ata chegar a «Truxillo». Abraiados, os veciños do lugar fixeron unha procesión para manifestar a súa convicción do carácter milagroso do salvamento.
Retornado a Arante, o agradecido capitán fixo entrega ao santuario da bandeira da nave, un vestido carmesí para a imaxe, unha lámpada de prata e unha arroba de aceite para que iluminase o templo. Foi, non obstante, Gonzalo de Amoeiro Camba, chantre mindoniense a cuxo cargo estaba a administración material do santuario, quen fixo pintar en 1606 a escena, polo que, aínda que responde á tipoloxía dos exvotos, a imaxe se dota dun valor propiamente catequético e pastoral.
O protagonista ha de se identificar co Domingo de Aguiar Carranza que en 1605 foi nomeado alcalde maior das minas de Cuautla, en México. Grazas a distintos memoriais dese ano, sábese que foi capitán nas armadas de Flores e Pérez de Zabala, así como que defendera Acajutla (O Salvador) dun ataque de corsarios ingleses.
O furacán que afundiu o seu navío debeu de ser o que os días 29 y 30 de agosto de 1595 azoutou Cuba e provocou nese tempo graves estragos na Habana. Isto faría que o San Antonio citado na epígrafe correspondese ao cabo cubano e que o Trujillo ao que chegou desarborado o navío fose o porto hondureño do dito nome.
Co seu sorprendente horizonte americano, o fresco de 1606 de Arante constitúe un raro exemplo da pintura mural galega da Idade Moderna e, ao mesmo tempo, testemuña a práctica, daquela estendidísima, do exvoto devocional, que por si só representaba unha forma de interpelar a propia existencia e a Natureza.

Para saber máis

BLANCO PRADO, Xosé Manuel (1996): Exvotos e rituais nos santuarios lucenses, Lugo, Deputación Provincial.
FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, José María (1986): «La ermita-santuario de Nuestra Señora “Da Ponte” (Arante)», Estudios Mindonienses, 2, 409-439.
FUENTES ALENDE, José (2008): «Exvotos en Galicia: los cuadros votivos», en México y España. Un océano de exvotos: gracias concedidas, gracias recibidas [catálogo de exposición], Zamora, Museo Etnográfico de Castilla y León / Consejería de Cultura y Turismo de la Junta de Castilla y León, 151-178.