Número obxecto 39
Título do obxecto ORZA DE BOTICA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Orza de botica
1785
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

No Museo do Pobo Galego atópase unha boa representación da cerámica que utilizou a antiga botica do Hospital Real de Santiago de Compostela.
Como exemplo, descríbense un albarelo (altura: 28 cm, boca: 11 cm, ombreiro e base: 13 cm e cintura: 11 cm), unha xarra ou cántara (altura: 32 cm, boca: 11 cm, corpo: 27,5 cm e asento: 17,5 cm) e unha orza (altura: 12 cm, boca: 12,5 cm, corpo: 16,5 cm e asento: 7,5 cm).
No centro levan debuxada en cor azul a cruz potenzada, símbolo do Hospital Real, con grecas e adornos laterais e unha coroa como remate. No colo levan unha greca con motivos vexetais.
Están realizadas en cerámica tipo Talavera e foron mercadas á casa sevillana de Carasa y Santa María, en 1785. O total de pezas adquiridas foi de novecentas sesenta e unha.
Existe documentación doutras coleccións cerámicas: unha procedente de Talavera, dos primeiros anos do século XVIII e finais do XVII, da que se conserva só unha peza moi deteriorada, e outra adquirida en 1861 ás Reales Fábricas de Sargadelos, da que se conservan en bastante bo estado varias pezas, repartidas en diferentes institucións compostelás.
A construción do Gran Hospital Real foi decidida polos Reis Católicos logo da conquista de Granada por doazón en 1499 dun terzo das rendas do Voto de Santiago. Foi erixido entre 1501 e 1511. A primeira referencia á botica aparece nas Constitucións de Carlos I (1524) («los Médicos visiten los enfermos, y ande con ellos en la visitación el Boticario de la casa»). Nas sucesivas reformas e melloras a botica foi adquirindo maior importancia, ata chegar a ocupar varias dependencias do edificio. Desde as Constitucións de 1524, cando menos, tense noticia de contar o Hospital cun hortelán encargado de atender o xardín botánico anexo ou de adquirir fóra as plantas medicinais que precisaba a botica. Desde o primeiro momento os servizos da farmacia estiveron abertos ás persoas acollidas no Hospital (composteláns da cidade ou da bisbarra e, maiormente, peregrinos, así como aos nenos expósitos da Obra Pía). No período 1828-1843 a botica despachou tamén cara ao público da cidade e en 1880 pechou.
Esta colección de cerámica farmacéutica foi adquirida nun tempo no que a renovación científica das ciencias da saúde estaba a tentar abrirse paso en Galicia. Os novos medicamentos que procuraban a simplicidade na formulación e a introdución das recentes achegas da química, así como as drogas americanas, iniciaban lentamente a súa penetración. De todas as maneiras, non se pode dicir que a nova farmacia se aplicase dun xeito convincente ata a metade do século XIX.
No Hospital Real as innovadoras formulacións da medicina atoparon serias resistencias, coa oposición formal á posta en práctica dos métodos anatómicos de diagnóstico e o rexeitamento de que institucións emerxentes defensoras dunha medicina práctica e científica, como eran a Facultade Reunida ou o Colexio de Cirurxía, tivesen relación co centro hospitalario. Houbo que agardar, de novo, ata mediados do século XIX para que unha nova xeración de médicos do Hospital, vinculados tamén á Facultade de Medicina e que tiñan como órgano de expresión común a Revista Médica: periódico de la Academia Médica de Emulación, fosen os protagonistas dos métodos modernos de curar. Era a xeración dos Varela de Montes, Olivares, Guarnerio ou Laorden. A aplicación da anestesia con cloroformo nas operación cirúrxicas, feita por primeira vez en España no Hospital de Santiago por Olivares coa colaboración do farmacéutico Antonio Casares, é un dos feitos máis sobresaíntes e significativos desta xeración.

Para saber máis

SANMARTÍN MÍGUEZ, José María Santiago (2002): La botica del Hospital Real de Santiago de Compostela (1499-1880), A Coruña, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento / Fundación Pedro Barrié de la Maza.
SISTO EDREIRA, Rafael (2004): «Renovación y modernización de las prácticas médicas en el Hospital Real de Santiago: los Colegios prácticos y la Academia Médica de Emulación», en S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, El Hospital Real de Santiago de Compostela y la Hospitalidad en el Camino de Peregrinación, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.