Número obxecto 4
Título do obxecto VASO CAMPANIFORME

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Vaso campaniforme
As Pontes de García Rodríguez
2700-2600 a. C.
Departamento de Historia da Facultade de Xeografía
e Historia da Universidade de Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

A Veiga de Vilavella é unha tumba que se sitúa no concello das Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña, e é coñecida desde comezos do século XX. Trátase dun túmulo sen estrutura pétrea, formado por terra, no que só apareceron dous vasos campaniformes que foron reconstruídos no Museo de Barcelona. Os restos foron documentados na base do túmulo sobre o piso natural. Un dos vasos foi subtraído hai uns anos e non se recuperou aínda. O que queda, que é o obxecto desta descrición, está depositado no Departamento de Historia 1 da Universidade de Santiago de Compostela.
O único vaso da Veiga de Vilavella conservado é o de meirande tamaño dos dous documentados. Presenta un perfil en S suave, ou campá invertida, e rolda os 1,6 litros de capacidade. É un recipiente que amosa un acabado moi coidado, de pastas vermellas e brillantes. As súas características responden ao estilo estándar europeo e correspóndese co tipo denominado herringbone variety. Esta decoración, feita coa impresión dunha cuncha de berberecho, consiste en organizar o deseño do corpo do vaso en bandas horizontais perfiladas con liñas paralelas que encerran liñas oblicuas contrapostas simulando unha espiña de peixe. Estas bandas están aliviadas por espazos sen decorar da mesma largura que os decorados. A decoración é moi regular: comprende sete bandas de 1 cm de largura. As liñas de delimitación das bandas amosan en varios lugares restos de impresión que foron borrados polo brunido realizado despois da decoración. Este vaso núm. 242 consérvase case completo e é un bo representante do estilo dos denominados campaniformes internacionais, ben coñecidos en toda Europa, cunhas formas cerámicas que mostran unha uniformidade estilística nunca antes atopada no noso continente.
Cara ao 2700 ou 2600 a. C., comézase a documentar este tipo de vasos por todo o continente europeo. Trátase de obxectos que son considerados os representantes materiais dunha mudanza que se opera a grande escala en toda Europa, denominada fenómeno campaniforme. Esta mudanza plásmase en todos os niveis da sociedade do momento: aparición das sepulturas individuais, emerxencia do guerreiro caracterizado por unha serie de elementos de prestixio antes inexistentes (arco e frechas principalmente) e que incorpora nalgún caso obxectos de procedencias distantes, introdución da metalurxia de cobre e ouro, etc.
É difícil demostrar polo momento como chegou o dito fenómeno a Galicia, mais seguramente foi pola combinación de varios factores: o movemento das persoas, e, xa que logo, as ideas que viaxan con elas, e o intercambio de obxectos. Hai dúas teorías principais na actualidade que tratan sobre a súa orixe. Unha delas considera que o campaniforme nace nos Países Baixos e se estende desde alí a toda Europa, e a outra entende que a súa procedencia se localiza no esteiro do Texo, área onde se atopa unha das maiores densidades de xacementos e as datacións máis antigas. En todo caso a súa expansión probablemente fose moi rápida no tempo.
O vaso da Veiga de Vilavella presenta unha asociación característica do esteiro do Texo, na zona portuguesa, e da zona bretoa, en Francia, onde os recipientes decorados con cuncha coinciden cos estilos estándar europeos. Este estilo paneuropeo en Galicia atópase principalmente documentado nas tumbas monumentais. Aínda non se coñece con certeza o significado deste tipo de vasos, cuxa función podería ser máis variada do que se cría, segundo estudos recentes.
As comunidades campaniformes reutilizaban monumentos funerarios colectivos de culturas anteriores para realizaren deposicións de enxovais, que adoitan ser interpretadas como enterramentos tamén, mais neste caso de clara vocación individual. Con todo, nos últimos corenta anos empezan a encontrarse cada vez con máis frecuencia vasos campaniformes nos asentamentos. Estes son o tipo de xacemento mellor coñecido en Galicia para este período.

Para saber máis

PRESCOTT, Christopher / Håkon GLØRSTAD (eds.) (2012): Becoming European: Transformation of third millennium Northern and Western Europe, Oxford, Oxbow Books.
PRIETO MARTÍNEZ, María Pilar / Laure SALANOVA (coords.) (2011): Las Comunidades Campaniformes en Galicia: Cambios sociales en el III y II milenios BC en el NW de la Península Ibérica, Pontevedra, Diputación de Pontevedra.
ROJO GUERRA, Manuel Ángel / Rafael GARRIDO PENA / Íñigo GARCÍA-MARTÍNEZ DE LAGRÁN (2005): El campaniforme en la Península Ibérica y su contexto europeo = Bell beakers in the Iberian Peninsula and their European context, Valladolid, Universidad de Valladolid / Junta de Castilla y León, 457-479.