Número obxecto 43
Título do obxecto TRAXE DE FEIRA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Traxe de feira
Santiago de Compostela
c. 1900
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

Traxe feminino que destaca pola súa gran sinxeleza. Apenas está formado por media ducia de pezas: un pano da cabeza, unha camisa branca, un pano de percal azul, un refaixo ou vasquiña da mesma cor, un mantelo de picote e un par de zocos. Poucos complementos máis levaría este traxe: talvez un manto meiriño de abrigo para protexerse do frío da mañá, pois saían moi cedo da casa ao ter que percorrer grandes distancias a pé ata o campo da feira. Nin múltiples refaixos, nin pezas interiores, pois o uso de lencería naquela época era pouco habitual entre as mulleres da clase labrega.
Os tecidos empregados para a confección das pezas son tamén moi sinxelos e combínanse harmoniosamente teas de elaboración doméstica con tecidos de produción industrial. Tanto a camisa como o mantelo están feitos con fibras téxtiles autóctonas transformadas artesanalmente e tecidas nos teares manuais tan habituais nas aldeas galegas. A camisa é de tecido liso ou tafetá de liño, tanto na urda (os fíos que van colocados no tear) como na trama (os que se van pasando coa lanzadeira). O mantelo, tamén de tafetá, está feito de picote, candil, burel ou lera, un tecido que emprega liño para a urda e la para a trama. A carón deles atópanse os tecidos industriais con que están elaborados o refaixo, o pano de busto e o da cabeza. Para o refaixo se utiliza o pano común de la procedente de Castela e producido industrialmente nos diferentes centros lanares, dos cales Béjar (Salamanca) era o principal provedor de Galicia. O pano de busto é de percal, un tecido de algodón de baixa calidade estampado por ambas as caras e procedente da industria catalá, a maior produtora de Europa de tecidos estampados de algodón desde finais do século XVIII. Completan o traxe o pano da cabeza de lenzo de algodón industrial e os zocos, de produción artesanal, que se mercaban no obradoiro do zoqueiro ou nas feiras.
As teas, ben feitas na casa, ben mercadas na tenda ou na feira, levábanse a cortar ao xastre, que era quen tiña os coñecementos e o instrumental axeitado para aproveitalas sen estragar o corte. Logo, coa tea xa cortada, as pezas eran confeccionadas pola costureira ou por algunha muller da casa.
Escóllese este traxe da colección do Museo do Pobo Galego por ser o que representa o xeito de vestir da gran maioría das labregas galegas das décadas finais do século XIX e primeiras do XX, tal e como testemuñan as fotografías das feiras da época. Un xeito de vestir que contrasta coa imaxe do traxe suntuoso e ampuloso que xa desde o século XIX o folclorismo burgués establecera como modelo de tipismo. Igual que no resto de Europa, a intelectualidade galega desa centuria, inspirada polo sentimento romántico de exaltación da cultura popular e de busca das identidades nacionais, outorgou ao traxe, xunto co baile e a música, un valor identitario. Os procesos de recuperación e recollida das tradicións da cultura labrega por parte da burguesía urbana e vilega estiveron sempre influenciados pola súa propia finalidade: a representación enriba dun escenario da imaxe idealizada dunha sociedade rural que pouco ou nada tiña que ver coa realidade.
A pesar da sinxeleza deste traxe, non se pode considerar como roupa de vestir decote, senón como un traxe para mostrarse ante os demais na feira, un espazo para as relacións de compravenda, pero sobre todo para a socialización, un punto de encontro onde intensificar o trato cun bo número de persoas; unha ocasión inmellorable para lucir as mellores roupas que cadaquén posuía. O grao de riqueza das vestimentas dependía do poder adquisitivo de cada persoa: as labregas ricas podían acceder a un manto de seda ou de caxemira e a un mantelo de pano de la cun rodo de veludo ou de damasco, e incluso adornar a súa roupa con algún agremán, labor de pasamanaría feito cun cordón bordado con abelorios de vidro; as de menos recursos lucirían ese día os seus mellores picotes e os seus mantos de percal ou meiriños máis novos e impecables.

Para saber máis

MARIÑO FERRO, Xosé Ramón (2000): Antropoloxía de Galicia, Vigo, Xerais.
SÁENZ-CHAS DÍAZ, Belén (2014): «Folclorización e estudios de indumentaria en Galicia», Adra: Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego, 9, 41-55.
VEGA GONZÁLEZ, Jesusa (2005): «De la estampa a la fotografía: el traje regional y el simulacro de España», en Antonio Cea Gutiérrez / Carmen Ortiz García / Cristina Sánchez-Carretero (eds.), Maneras de mirar: lecturas antropológicas de la fotografía, Madrid, CSIC, 61-82.