Número obxecto 44
Título do obxecto FERRAMENTAS DE CANTEIRO E PEDREIRO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Ferramentas de canteiro e pedreiro
Primeira metade s. XX
Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O equipo de canteiro está composto por moitas ferramentas: martelón, maceta, punteiro, cicel, lima, escoda e buxardo son algúns dos útiles básicos do oficio. Estas pezas proveñen de Terra de Montes, terra de canteiros, e son do século XX, pero poderían ter mil anos. Porque o de canteiro é oficio vello: as orixes hainas que buscar nos inicios da Idade do Ferro. A finais do século IX a. C., en poboados castrexos como Torroso (Pontevedra) ou Cociñadoiro (A Coruña), aparecen as primeiras cabanas circulares con muros de cachotería. A cantería como tal, non obstante, desenvolveuse sobre todo durante a Segunda Idade do Ferro (IV-I a. C.): casas de muros con aparello poligonal, aterrazamentos e mesmo esculturas aparecen entón e inician unha tradición que chega aos nosos días. Os trebellos básicos —punteiro, maceta e guillo— existían xa entón. Outros chegaron cos romanos, como a buxarda (un martelo de dúas bocas cadradas con dentes para alisar os bloques de perpiaño), o prumo, o compás e a escuadra. Desde entón, as ferramentas cambiaron pouco, como as técnicas empregadas para traballar a pedra. Estas dependerán non só do resultado que se queira obter, senón tamén do tipo de pedra utilizado: o granito é o que require e permite a maior variedade de útiles. No caso dos bloques de xisto e a lousa, unha vez arrincados da rocha o canteiro só os retoca coa maceta para poder encaixalos uns cos outros. Porén, hai mestres canteiros con oficio suficiente para tallar escocias, toros e golas en xisto.
As ferramentas do traballador da pedra van do máis fino ao máis basto, pero teñen en común seren todas de ferro macizo. Na canteira empréganse picos para facer buratos na rocha e inserir guillos (cuñas) que baixo o golpe do martelón van rachando a rocha. No outro extremo do proceso está o traballo máis artístico: con punteiros, limas e ciceis dáselle forma á pedra até facer a cruz dun hórreo ou a lumieira dunha casa. En realidade, cómpre distinguir o pedreiro, que traballa na canteira, do canteiro propiamente dito, que labra os bloques extraídos dos afloramentos. Porén, mesmo os mellores canteiros comezaron a súa vida profesional como pedreiros. Un ten que saber manexar o martelón e o pauferro antes do cicel, arrincar pedras á rocha antes de facer cornixas. Cando o aprendiz dominaba o oficio picando pedra, podía comezar a «desempenar» os bloques usando a escoda (unha ferramenta con forma de martelo rematado en dobre punta) e máis tarde labrar perpiaño, usando punteiro, maceta e buxardo. O nome de oficio atribuído ao traballo de canteiro, como sucede con tantas tecnoloxías tradicionais, é enganador: en zonas con moita tradición canteira como Terra de Montes ou Cuntis, todos os homes (e a de canteiro é unha profesión exclusivamente masculina) saben traballar a pedra, como mínimo para facer o muro dunha leira ou un alpendre. Por iso, todas as casas teñen polo menos unha maceta e algúns ciceis.
Entre as artesanías tradicionais galegas, temos traballos máis estáticos e outros máis itinerantes, estes últimos sistematicamente asociados a homes. O de canteiro, como o de afiador, é un oficio de movemento. Desde a Idade Media grupos de canteiros móvense de parroquia en parroquia construíndo igrexas. Tamén saen fóra de Galicia para colaborar nas obras de catedrais ou castelos. Do mesmo xeito, traballadores da pedra doutros lugares chegaban ás veces á nosa terra, como sucedeu cos vascos que viñeron no século XVI a restaurar as torres desfeitas polos irmandiños. Destes contactos quedan pegadas no seu dialecto, a «verba» ou «latín dos canteiros», no que se mesturan, entre outras, palabras en éuscaro e en latín. Durante o século XX, canteiros galegos continuaron traballando alén das nosas fronteiras. Artesáns de Terra de Montes foron os que levantaron o panteón dos Kennedy en Arlington (Washington) ou o Bank of America, o primeiro rañaceos posmoderno de Houston, ambos obra de Roubín & Janeiro, de Pardesoa (Forcarei).
Pero a súa meirande contribución foi na propia Galicia. Non podemos entender a paisaxe sen a escoda e o punteiro: cruceiros, petos de ánimas, hórreos, socalcos, casas, pazos, igrexas, ermidas, as murallas do castro de Santa Trega e a muralla de Lugo. A paisaxe galega é, literalmente, unha paisaxe construída, feita de pedra tallada. Durante trinta séculos, os canteiros fixeron Galicia.

Para saber máis

ANCA CALVO, Juan Ángel (2011): Centro Etnográfico de Terra de Montes, CETMo / Verbo Xido.
FILGUEIRA VALVERDE, José (1976): Los canteros gallegos, Vigo, Palacios.
LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín (1982): Os oficios, Santiago de Compostela, Universidade.