Número obxecto 49
Título do obxecto TEODOLITO DE FONTÁN

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Teodolito de Domingo Fontán
París, Francia
Henri-Prudence Gambey, 1818
Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

Atópase no Decanato da Facultade de Historia e, segundo a propia descrición de Fontán, tería a seguinte especificación:
Círculo repetidor astronómico de Gambey con nivel fijo, anteojo superior e inferior, y círculo azimutal, estando el superior dividido de 10 en 10 segundos sexagesimales con el auxilio de cuatro verniers, leyéndose las coincidencias de los primeros por dos microscopios compuestos fijos, en los extremos de una alidada móvil y los de estos en una lente de aumento.
Foi adquirido na casa Gambey de París, no curso 1918-1919.
Nace Domingo Fontán en Portela do Conde (Portas) en 1788 e fórmase na Universidade de Santiago, onde tivo como principal mentor a Rodríguez, catedrático de Matemáticas, de sona internacional, e un dos máis importantes científicos da historia da ciencia galega.
Foi nomeado catedrático de Matemáticas Sublimes en 1818, en substitución de Rodríguez, posto que desempeñou ata 1835. Un ano antes fora nomeado catedrático de Xeometría Mecánica e Delineación Aplicada ás Artes, da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. En 1835 foi nomeado director do Observatorio Astronómico de Madrid e director da Escola de Enxeñeiros Xeógrafos, acabada de crear. Foi membro do Parlamento español en oito lexislaturas en representación de Pontevedra e Lugo. Morre en Santiago en 1866. Realizou importantes traballos para o Goberno español, sobre pesas e medidas, así como relativos á división administrativa. Foi un adiantado da introdución do sistema métrico decimal. Programou a futura rede de estradas galegas e publicou diversos estudos e traballos sobre o ferrocarril galego.
No ano 1817, comeza os traballos da delineación da Carta Geométrica de Galicia determinando coa máxima exactitude a latitude, lonxitude e acimut da que sería a primeira base do sistema de triangulación do país: a Torre do Reloxo da catedral de Santiago. Serviuse dos aparatos xeodésicos que existían no Gabinete de Física da Universidade de Santiago e que mercara en París seu mestre Rodríguez, como este teodolito, amais doutro da casa inglesa Troughton, tres círculos de Lenoir, un transportador de minutos, unha escala metálica e un compás de vara, catro sextantiños de peto, dous barómetros de Gay-Lussac e de Bunten, un péndulo astronómico e dúas pranchetas. Tamén mandou construír varias perchas en madeira de pinabeta, de catro metros de altura. En 1823 tiña rematados os traballos da parte occidental de Galicia, e en 1834 presentou toda a cartografía, xa concluída, á raíña María Cristina de Borbón.
De seguido comezou as xestións para a impresión da obra, que non foron doadas polo elevado custe dos 550 exemplares demandados (4120 francos), e finalmente estes foron gravados por L. Bouffard, en París, en 1845.
A significación da Carta Geométrica de Galicia reside, en primeiro lugar, no seu valor científico, pois foi a primeira vez que se realizaba en España unha cartografía desa magnitude levantada con métodos modernos e sustentada nunha rede xeodésica que tiña que establecer, observar e calcular. Foi, a xuízo de Núñez de las Cuevas (1988), director do Instituto Geográfico Nacional, «una empresa titánica difícil de comprender». Por outra parte, Fontán era un patriota e soñaba que a súa Carta serviría para coñecer mellor a terra que amaba e para mellorar as súas condicións económicas. Para Otero Pedrayo foi o primeiro en amosar co seu mapa o verdadeiro rostro de Galicia, ata entón «brumoso e escuro».

Para saber máis

INSTITUTO GEOGRÁFICO NACIONAL (1988): Cartografía de Galicia (1522-1900). Bicentenario de Domingo Fontán (1788-1988), Madrid, Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.
INSTITUTO PADRE SARMIENTO DE ESTUDIOS GALLEGOS (1946): D. Domingo Fontán y su mapa de Galicia en el primer centenario de la publicación, anexo I aos Cuadernos de Estudios Gallegos, Santiago de Compostela.
SISTO EDREIRA, Rafael Carlos (1995): «Teodolito empregado polo profesor Domingo Fontán no levantamento da Carta Xeométrica de Galicia», en Universidade de Santiago de Compostela, Gallaecia Fvlget (1495-1995): cinco séculos de historia Universitaria [catálogo da exposición do V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela], Santiago de Compostela, Universidade, 510.