


Número obxecto | 5 |
---|---|
Título do obxecto | MACHADO DE TALÓN |

Gústache?
Coñecíalo?
Características
Cartela
Machado de talón
Friol / Palas de Rei Bronce Final
Museo Arqueolóxico e Histórico
do Castelo de San Antón. A Coruña
Datos sobre o obxecto
O machado de bronce con tope e un ou dous aneis é o obxecto metálico por excelencia na Galicia do Bronce Final. Representa unha evolución de tipos máis sinxelos e os seus trazos morfolóxicos definitorios (tope e aneis), destinados a facilitar a suxeición a un mango de madeira, están amplamente estendidos na Europa do momento. Porén, a súa concentración é salientable no noroeste peninsular, onde temos noticia de varios centos de pezas con estas características.
O exemplar que nos ocupa mide 26,6 cm de lonxitude, 5,9 cm de ancho e 3,6 cm de grosor, e pesa 1284,4 g. Temos a certeza de que non chegou a ser empregado como machado, xa que —ao igual que moitos outros— conserva no extremo o cono resultante de verter o metal fundido nun molde bivalvo en posición vertical. Moito menos frecuente é outro dos seus trazos: unha funda metálica con decoración en zigzag ou espiña de peixe que cobre o perímetro do machado na súa parte superior e que tamén impide o seu uso convencional. Este engadido fíxose por sobrefundido —unha vez rematado o machado— empregando unha aliaxe diferente. As análises de composición química (FRX) no corpo da peza dan como resultado unha taxa de estaño de máis dun 17 %, mentres que o chumbo non chega ao 2 %. A funda decorada, en cambio, contén porcentaxes de estaño e chumbo que superan o 30 % e o 10 % respectivamente. Estas fundas na zona do talón documéntanse nalgúns outros machados do interior das provincias da Coruña e Lugo.
A aparición de características incompatibles co seu uso convencional como machados presenta o interrogante da función real destes obxectos. Non é descartable que algúns deles fosen utilizados como cuñas ou ciceis, pero esta posibilidade non resolve a cuestión. Moitos machados fabricáronse con aliaxes pouco axeitadas para o seu emprego como utensilios, ou conservan sinais —como rebabas e aneis obturados— de que nunca chegaron a estrearse. Por estas e outras razóns deféndese con frecuencia a hipótese premonetal, segundo a cal poderían ser unha forma arcaica de moeda (acumulable, intercambiable e fácil de reciclar). O feito de que os machados aparezan xeralmente agrupados, formando depósitos como resultado da súa ocultación intencional, pode reforzar esta interpretación como stocks de metal que tivesen unha función económica.
Esta tendencia a apareceren en forma de depósitos motivou que os machados e outros obxectos metálicos do Bronce Final gozasen dunha segunda biografía na época contemporánea. Atopados de maneira casual no curso de labores agrícolas, o espertar do coleccionismo e do interese polo pasado converteunos en bens prezados para eruditos como Ricardo Blanco-Cicerón, Santiago de la Iglesia ou Federico Maciñeira. Tras o seu paso por estas coleccións privadas, moitos deles consérvanse hoxe nos nosos museos. Outras veces fundíronse logo do seu achado.
O obxecto que nos ocupa é un bo expoñente desta longa historia. Apareceu en Friol ou Palas de Rei na compaña doutros trece ou catorce machados actualmente en paradoiro descoñecido. Ingresou na pequena colección particular de Eduardo Álvarez Carballido, quen nos achega as primeiras informacións. Décadas máis tarde, en 1970, foi mercado pola Fundación Barrié a unha casa de antigüidades e consérvase hoxe no Museo do Castelo de San Antón.
Os machados de tope e aneis informan, pois, sobre aspectos relevantes da historia de Galicia: non só resultan clave para achegarse á economía, a tecnoloxía e o universo simbólico do Bronce Final, senón que tamén constitúen un elemento omnipresente nos albores do coleccionismo arqueolóxico galego. A importancia do machado como obxecto simbólico ten unha longa tradición na Prehistoria europea que se remonta cando menos aos exemplares líticos puídos do Neolítico. Convén, polo tanto, advertir do abuso da hipótese economicista que tende a interpretar moitos depósitos metálicos como meras acumulacións de premoeda ou materia prima que, por avatares diversos, nunca foron recuperadas. Resulta inverosímil que un fenómeno tan recorrente responda a un esquecemento colectivo, que centos de quilogramos de metal permanecesen soterrados durante séculos por unha sorte de incompetencia das comunidades do Bronce Final. En amplas zonas da xeografía galega os depósitos soterrados unicamente conteñen machados, o que sen dúbida é froito dunha selección premeditada de carácter ideolóxico.
Para saber máis
ÁLVAREZ CARBALLIDO, Eduardo (1997): «Ligera contribución al estudio de cobres y bronces de la región gallega, conocidos con el nombre de célticos», Boletín de la Real Academia Gallega, 9, 197-202 (http://academia.gal/imaxin-boletins-web/paxinas.do?id=2159).
CELIS SÁNCHEZ, Jesús / Germán DELIBES DE CASTRO / Julio FERNÁNDEZ MANZANO / Luis A. GRAU LOBO (eds.) (2007): El hallazgo leonés de Valdevimbre y los depósitos del Bronce Final Atlántico en la Península Ibérica, León, Junta de Castilla y León, Consejería de Cultura y Turismo.
MONTEAGUDO, Luis (1977): Die Beile auf der Iberischen Halbinsel, Prähistorische Bronzefunde, IX:6, München (machado núm. 1415).