Número obxecto 50
Título do obxecto PRENSA DO VIÑO TOSTADO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Prensa do viño tostado
Ourense
Segundo terzo s. XX
Museo Etnolóxico de Ribadavia

Datos sobre o obxecto

Nos pobos enraizados na tradición clásica, o desenvolvemento da civilización é inseparable do desenvolvemento da cultura do viño. En efecto, o que diferencia o mundo grecolatino doutros mundos antigos é o dominio do cultivo da vide e da vinicultura. O viño, en fin, achega o home á divindade como instrumento necesario para o renacer da vida, xa como misterio do dúas veces nado Dioniso ou como misterio da súa conversión en sangue de Xesús Cristo. Desde moi cedo, os caldos nacidos do zume da uva convertéronse en prezada mercadoría.
En Galicia, foron os monxes medievais quen impulsaron o seu cultivo e a súa expansión, nomeadamente no curso medio do Miño, cos seus ribeiros. Os viños brancos acariñados polos cantares do Avia pronto gañaron sona, abriron rutas de arrieiros e fixeron a fortuna dos armadores do tráfico marítimo polo Atlántico e o Cantábrico, cara ás Bretañas e os Flandres. Os vales bañados polo Avia, polo Miño, polo Sil, polo Arnoia, polo Támega, polo Umia fóronse inzando de priorados, de mosteiros e, tempo despois, de pazos. A cultura do viño é unha cultura pacega moi vinculada coa distinción que singulariza a sociedade vilega e urbana. Na cerna dos séculos modernos, a sociedade cortesá europea recuperou o gusto polos viños doces. Uns naceron da práctica da adición de augardente e outros alcohois para fortalecelos e facer posible a súa mellor conservación nas viaxes mariñas. Foron os madeiras, os portos e os xereces. Outros, máis requintados, deron por apostar pola escolla dos mellores acios, ben madurados, axudándose da acción benéfica do fungo da botrite para deshidratalos ou agardando paseniño a que fosen mirrando, perdendo auga e gañando azucre. Foron os tokajis, os sauternes ou os viños de palla.
Mentres, nos pazos e nas abadías e mesmo nas casas de campesiños nacía un novo caldo, acorde cos tempos, exquisito, doce, ámbar, exclusivo e distinguido. Era o tostado que se afastaba do modelo do fortalecemento dos veciños de alén Miño e optaba polo modelo da deshidratación de terras galas, itálicas e maxiares. Era un viño de celebración e de poder social. Apenas ao alcance das elites que saben apreciar o valor do paso do tempo e teñen tempo para perder, aprender e gozar. Escollíanse as mellores cepas de treixadura, cos acios máis dourados polo sol de setembro, normalmente preto da casa solar, nos socalcos do nacente. Cortábanse con moito xeito e pendurábanse en garfos de madeira, colgados das vigas dos faiados. Sempre ben orientados ao tépedo sol outonal e a lixeira brisa do nordés. Aló polo Nadal, ben mirrados os acios e ata con algún punto de botrite, procedíase a separar cada bago do cangallo e logo eran prensados, primeiro en pequenas lagaretas e logo en prensas como a da foto, con plataforma, fuso e cabezal de ferro e canastreis de madeira. Deste mesmo material eran as dúas mesas semicirculares que entraban en contacto cos bagos e as chamadas madeiras empregadas para apurar a presión, logo dos necesarios períodos de descanso durante a prensadura para espremer as uvas sen romper os grans, ricos en taninos. Obtíñase, así, un moi escaso rendemento líquido pero dun aroma e dun sabor doce que compensaban a espera e as uvas retiradas da colleita anual. Ese mosto ateigado de azucre fermentaba en pequenas pipas dunha ola de capacidade, que viñan sendo uns dezaseis litros.
Coa crecente partida en dirección a Madrid dos descendentes fidalgos, os arrieiros levaban cara á corte aquelas pipiñas que contiñan o licor co que agasallar os amigos, os poderosos e a un mesmo. Nas casas labregas moi rara vez se cataba o tostado e o seu elevado custe de produción non permitía elaboralo. Así, foi medrando a sona deste caldo dourado e devecido. Era un viño de vangarda, como os máis distinguidos da Europa de entón. Por iso non debe sorprender que fose o primeiro viño galego en ser embotellado nas últimas décadas do dezanove.
O solpor das casas fidalgas e doutras casas abastadas, a filoxera que trouxo o triunfo de viníferas alleas á terra e a baratura dos viños quinados fixeron esmorecer a elaboración do tostado, sinaladamente na longa noite de pedra que deturpou a tradición dos viños do Ribeiro, hoxe superados en predicamento polos albariños e en dura e leal pugna cos outros excelentes caldos galegos de Valdeorras, Monterrei e a Ribeira Sacra. Diciamos que no viño estaba o secreto da vida e da resurrección. O vello tostado quere renacer das súas cinzas e recobrar o seu pasado lendario nas mesmas terras ourensás que o viron nacer por vez primeira.

Para saber máis

C. R. D. O. RIBEIRO (s. d.): «Vinos», Ribeiro, Ribadavia (http://ribeiro.es/nuestros-vinos/vinos/).
GRUPO REBOREDA MORGADÍO (2013): Vino tostado «Alma de Reboreda» D.O. Ribeiro, Toén (https://www.youtube.com/watch?v=3UoV4PbYONg).