Número obxecto 52
Título do obxecto CANTARES GALLEGOS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Cantares gallegos
Rosalía de Castro, 1863
Casa-Museo Fundación Rosalía de Castro. Padrón

Datos sobre o obxecto

Cantares gallegos foi publicado por Juan Compañel (1829-1927) na súa imprenta da rúa Real de Vigo en 1863 e asinado por Rosalía Castro de Murguía (1837-1885). De pequeno formato (12 × 17,50 cm), nos poucos exemplares conservados sen encadernar pode verse no lombo o prezo de dezaseis reais. Para a importancia histórica de Compañel no Rexurdimento é todo un síntoma ser o editor desta fundamental obra. Nas súas 204 páxinas contén a dedicatoria a Fernán Caballero, asinada o 17 de maio de 1863, un denso prólogo e, encabezado polo título de «Primeira parte», que non vai ter correlación en ningures, un corpus de 32 poemas con numeración romana, agás o titulado «A gaita galega», que é resposta a «La gaita gallega» de Ventura Ruiz Aguilera, que tamén se edita. Ao final inclúense un glosario asinado por M. (que se lle atribúe a Murguía), un capítulo de «Erratas notables» e un índice. Na edición de 1872, realizada en Madrid na librería de Leocadio López, engadiranse catro poemas máis.
Cantares gallegos ten unha importancia histórica recoñecida ao considerarse o primeiro libro editado integramente en galego (dedicatoria, prólogo e texto). Pero este detalle formal, aínda que de envergadura, cómpre acumulalo con outros de singular relevo. Dous anos despois de celebrados os Xogos Florais da Coruña e un desde que se publicase El Álbum de la Caridad (1862), Cantares gallegos marca o inicio dunha nova etapa no Rexurdimento literario galego: o Rexurdimento pleno. O impacto da obra foi extraordinario e xa nas primeiras recensións feitas en Galicia (López de la Vega, José María Posada) e fóra (en Madrid e Cataluña) se lle atribuía á obra un carácter auroral que Murguía acabou selando en Los precursores (1885) e que a Real Academia Galega puxo na presenteira histórica definitiva ao escoller o 17 de maio como Día das Letras Galegas no centenario da súa publicación (1963).
Mais este papel de Cantares gallegos no sistema literario galego foi ás veces moito máis simbólico ca propiamente literario e, polo xeral, a súa valoración crítica e o seu interese estético ficaron normalmente moi por debaixo dos que mereceu Follas novas (1880), obra de perfís literarios considerados máis universais. Desde o noso punto de vista, o éxito de Cantares radica en que acertou a desenvolver, desde o prólogo, unha contundente alegoría nacional baseada na defensa da dignidade de Galicia e que Rosalía organizou arredor de tres grandes eixos: a lingua, a cultura e a paisaxe. Nace con esta obra un novo imaxinario nacional galego, unha nova visión de Galicia (verde, variada, irrigada por mil ríos e ribeiras), en oposición non só paisaxística a Castela (seca, dura, monótona). Pero tamén nace nela a épica nacional galega da emigración, outro aspecto fundamental da alegoría nacional galega sobre o que a autora volverá en Follas novas. E é que Rosalía de Castro utiliza os cantares populares e o Volkgeist de Herder dun xeito moito máis crítico e menos idealista ca Antonio Trueba, o poeta vasco do Libro de los Cantares, a quen di imitar no prólogo. En realidade, o popular nesta obra é un disfrace, un verniz ou unha trincheira desde a que a autora dispara o seu pensamento crítico no político e no social, moitas veces en conflito co «espírito» do cancioneiro, co modelo social e ideolóxico que pode derivarse da lírica popular, ou contrario a eles, o que explica que varios cantares sexan redirixidos ou mesmo mutilados. Dentro deste pensamento crítico cómpre destacar tamén o feminismo, dado que Cantares, desde a súa concepción e estrutura ata o intenso protagonismo concedido á muller traballadora como suxeito literario e político, desde os primeiros versos protagonizados pola «meniña gaiteira», é un libro profundamente feminista.
Claro que Cantares gallegos é un principio de algo novo. Pero tamén resulta un final. Péchase coa obra un período inaugurado polo Coloquio de Sarmiento e de especial presenza da literatura dialóxica, popular e política. Como se pecha un período procedente das cántigas medievais, ás que sucederon as copras de Sarmiento e os cantares de Rosalía, no que a creación literaria lírica ten unha indiscutible dimensión musical. E si, tamén nace algo con Cantares e con Rosalía de Castro: un novo período, un novo remuíño histórico, protagonizado pola súa xeración (Murguía e Pondal), á que se asociou unha xeración máis nova (Curros e Lamas Carvajal), as cales debuxaron o horizonte de dignidade e liberdade cara ao que Galicia segue camiñando.

Para saber máis

ÁLVAREZ BLANCO, Rosario / Anxo ANGUEIRA VITURRO / María do Cebreiro RÁBADE VILLAR / Dolores VILAVEDRA FERNÁNDEZ (coords.) (2014): Rosalía de Castro no século XXI: unha nova ollada,
Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/publicacions-dixitais/acta.php?libro=2).
BARRO, Pepe (coord.) (2013): No principio foi o verso: cento cincuenta anos de Cantares gallegos [publicación do Faro de Vigo con motivo da exposición celebrada na Fundación Barrié de Vigo], Padrón, Fundación Rosalía de Castro (http://rosaliadecastro.org/wp-content/uploads/2013/05/ExposicionCantares150Anos.pdf).
CASTRO, Rosalía de (2013): Cantares gallegos (ed. de Anxo Angueira), Vigo, Xerais.