Número obxecto 54
Título do obxecto HERBARIO DO PADRE MERINO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Herbario
Padre Merino, 1910
Herbario LOU, Centro de Investigación Forestal de Lourizán

Datos sobre o obxecto

Dos tres herbarios coñecidos o máis importante atópase no Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Foi depositado no ano 1943, data da creación da institución, e consta de 12 000 pregos, a maior parte correspondente a plantas galegas, aínda que contén un certo número de especies procedentes de intercambios con outros botánicos españois e estranxeiros como Carles Pau, Novás, Grandoger, López Seoane, etc.
Existe outro herbario na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela que consta de 2028 pregos, procedentes da participación de Merino na sección de Santiago da Real Sociedad Española de Historia Natural. Foi un agasallo do autor, en 1910, ao director do Museo da Universidade e, polas súas características, unha escolma das liñas taxonómicas fundamentais, que semella que tiña unha función pedagóxica. Tamén existe un terceiro herbario de 1056 especies, depositado no instituto de bacharelato de Pontevedra Sánchez Cantón. Finalmente, importantes remesas de exemplares da flora galega, enviadas por Merino, foron parar ao grande herbario de Carles Pau, depositado no Jardín Botánico de Madrid.
Baltasar Merino Román (1845-1917), natural de Lerma (Burgos), entrou na Compañía de Xesús con 15 anos, na cal cursou Humanidades, Retórica e Filosofía. Estivo na Habana, Estados Unidos, Francia e Porto Rico, onde completou a súa formación e iniciou o seu labor docente. No curso 1880-1881 foi destinado ao Colexio Santiago Apóstolo, na Guarda, onde deu clases, principalmente de Física e Química, e residiu, agás pequenas excepcións, ata a súa morte. Entre 1887 e 1897 fíxose cargo do Observatorio Meteorolóxico do colexio e fixo as súas primeiras publicacións sobre meteoroloxía e climatoloxía.
Os seus primeiros traballos botánicos comezan sobre 1890 co estudo das plantas da contorna do Baixo Miño, que dan lugar tamén ás súas primeiras publicacións sobre a vexetación de Galicia. En 1900 nace a idea de realizar unha gran flora de Galicia, a raíz da cal Merino empeza as súas viaxes de herborización por todo o país. Destas xeiras xorden a súa Contribución á la flora de Galicia (suplementos I, II, III e IV dos Anales de la Sociedad Española de Historia Natural, 1898-1904) e Viajes de herborización por Galicia(Razón y Fé, 1901-1905). Nestes últimos, ademais das súas observacións e anotacións botánicas, achega interesantes impresións sobre a vida rural galega daquela época. Nos traballos de investigación sobre a flora de Galicia contou coa colaboración de diferentes botánicos e naturalistas españois, especialmente do catalán Pau e o galego López Seoane. Tamén tivo en Galicia un determinado grupo de correspondentes, maiormente boticarios e cregos, que lle subministraban exemplares e datos sobre a flora galega.
Entre 1905 e 1909 realiza a publicación dos tres volumes da súa obra fundamental, Flora descriptiva e ilustrada de Galicia. Describe nela un total de 1854 especies, que se ampliarían nas sucesivas «adiciones». Supuxo, segundo Fraga (2012), «un considerable esforzo de recolleita, de observación e de síntese, converténdose en modelo de “Flora regional”».
Do mesmo xeito que co mapa de Fontán Galicia tivo por primeira vez unha representación xenuína e moderna da súa xeografía, co herbario e a Flora de Merino atopámonos, tamén por primeira vez, cun inventario, actual e abondo, do manto vexetal galego. O «tempo biolóxico» da paisaxe galega, que definiría Otero Pedrayo, ficaba expreso e recoñecido nunha descritiva científica rigorosa e ampla. Ambos os dous proxectos, o mapa e a flora, tiveron longa vida e só foron superados despois de moito tempo.

Para saber máis

CENTRO DE INVESTIGACIÓN FORESTAL DE LOURIZÁN (s. d.): «Herbario LOU (flora vascular e micoteca)», Lourizán, Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural e do Mar, Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes (http://www.pixwoll.com/lourizan/botanic-garden-collections/collections/herbario-lou-flora-vascular-e-micoteca/).
FRAGA VÁZQUEZ, Xosé Antonio (2012): «Baltasar Merino Román: o autor da Flora de Galicia», en VV. AA., Álbum da Ciencia, Culturagalega.org, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=361).