Número obxecto 56
Título do obxecto BOTELLA DE AUGA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Botella de auga
Mondariz-Balneario
Aguas de Mondariz, anos 60 (?)
Colección particular. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O obxecto de referencia é a botella de augas de Mondariz, deseñada e producida para conter a auga mineromedicinal de diferentes mananciais do Balneario de Mondariz, en Pontevedra. A súa distinción vén dada pola cor verde escura do recipiente de cristal e por unha etiqueta característica, protagonizada por un home que aperta e leva entre os seus brazos unha botella. A cor ten un significado práctico: alberga augas con propiedades medicinais que deben ser gardadas da luz; e tanto a figura masculina como a composición responden ao gusto e estética da época, historicista-modernista. Con cambios mínimos, esta é a imaxe que chegou até os nosos días.
En 1870 o doutor Blanco Lage informou o Concello de Mondariz da necesidade de protexer o manancial de Troncoso. No 1873 obtense a declaración de utilidade pública das augas, a iniciativa dos seus propietarios, os irmáns Peinador. Desde 1877 procédese ao envasado para a exportación e ese mesmo ano xa se vendían máis dun millón de botellas. Mondariz foi adquirindo fama como un dos centros hidroterápicos referentes da península; así, nunha das visitas de Afonso XIII a Galicia, concedéuselle o título de «provedora da Real Casa». Foron moitos os visitantes ilustres que tomaron as augas: Isaac Peral, Echegaray, Arniches, Primo de Rivera, Castelao, Fernández Flórez, Montero Ríos ou Pardo Bazán, entre outros, e chegou a se converter nun referente cultural, tanto polas publicacións que editaba como pola presenza de traballos dos máis recoñecidos artistas da época: Antonio Palacios e Jenaro de la Fuente traballan nalgúns dos edificios do balneario, Castelao e Lloréns decoran con cadros e frescos as salas, Ramón Cabanillas e Rey Soto son aceptados como membros da RAG nunha sesión extraordinaria nos seus salóns e Imeldo Corral e Ksado realizan exposicións das súas obras. Esa importancia concedida á arte compréndese na aposta pola estética e deseño da botella do balneario, construíndo unha idea de proxecto cultural, facendo do produto creativo un símbolo artístico.
En 1924 o balneario segrégase do concello de Mondariz e ao seu redor instáurase o municipio de Mondariz-Balneario. Nestes anos o establecemento é testemuña de diferentes actos de afirmación galeguista e nacionalista, como foi a homenaxe a Murguía en 1920. Será neste ambiente onde se creen os distintivos do balneario: o gravado realizado polo afamado artista burgalés Arija formado pola botella tecida co H e o P de «Hijos de Peinador» e rodeada da lenda «Aguas de Mondariz» con tipografía modernista nos anos dez; máis tarde Castelao executa o debuxo do home axeonllado suxeitando a botella en alto; en 1925 tomará a remuda un deseño de Cándido Fernández Mazas coa imaxe dunha moza en traxe autóctono —seguindo as pautas do rexionalismo tan en voga nos anos vinte— e, xa a finais da década, a figura que perdura até a actualidade: un home vestido ao xeito goyesco con trazos modernistas que, nunha sorte de baile ou coreografía, rodea cos seus brazos unha botella de auga dun tamaño e escala similares aos do personaxe. A dinámica composición pretende achegar unha sensación lúdica, identificada coa diversión e a actividade e coidados corporais. A protagonista de todas estas imaxes é sempre a botella, que mantivo a súa preeminencia e figura sobria, creando unha representación icónica e espello para este tipo de produtos.
Entrado o século XX a imaxe do balneario e das augas de Mondariz é unha icona do deseño, exemplo doutros establecementos de augas mineromedicinais de Galicia. Amais, tamén se converte nunha referencia no resto de España, ao identificarse a imaxe da botella como sinónimo deste tipo de establecementos: carteis que aparecen en varias publicacións e espazos urbanos nacionais, como o mural no metro de Madrid, que representaba a característica etiqueta das botellas. A publicidade que se desenvolve do produto convértese en imaxe referencial para a maioría da poboación e incluso para outras marcas. A botella, a cor e o debuxo das etiquetas fusionan as linguaxes híbridas do modernismo, o rexionalismo e o localismo, e a partir dos anos vinte comezan a plasmarse asiduamente en revistas e xornais, axudando á creación dun referente visual que chega á actualidade como imaxe dunha marca e dun produto.

Para saber máis

AGUAS DE MONDARIZ FUENTE DEL VAL (2008): Buvette, Mondariz Balneario, Fundación Mondariz Balneario (http://www.aguasdemondariz.com/sites/default/files/images/buvette_mail.pdf).
— (2009): «Historia Aguas de Mondariz», Mondariz Balneario (http://www.aguasdemondariz.com/historia-de-aguas-de-mondariz).
CASTILLO CAMPOS, María Jesús del (1992): Historia del Balneario de Mondariz hasta 1936 (tese de doutoramento), E-Prints Complutense, Madrid, Universidad Complutense (http://eprints.ucm.es/2583/1/T17843.pdf).