Número obxecto 58
Título do obxecto DISCOS DE LOUSA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Discos de lousa
Bos Aires, Arxentina
Anos 20
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

Os mal chamados «discos de lousa» son en realidade discos fabricados en laca (shellac), material que, a pesar da súa fraxilidade, se mantivo en uso desde finais do século XIX ata pasada a metade do século XX. Tamén coñecidos como «discos de 78 rpm», polo número de revolucións por minuto a que debían reproducirse, o tamaño destes discos oscilaba entre as 10 e as 12 polgadas de diámetro (entre 25,5 e 30,5 cm, aproximadamente). A partir dos anos de 1940 impúxose a fabricación en acetato de vinilo, moito máis lixeiro e resistente e con mellor calidade na reprodución do son.
Os «discos de lousa» realizados en América, e particularmente en Bos Aires, que recollen música galega dan mostra da vizosa presenza da nosa cultura naquela metrópole. En 1904 rexistrábase na Coruña a primeira gravación comercial de música galega cunha vocación claramente identitaria en clave folclórica: a do coro pontevedrés Aires da Terra, pai do que logo serían os «coros galegos», agrupacións que terían un papel decisivo na vida cultural e musical da Galicia do primeiro terzo do século XX. De maneira significativa, aqueles primeiros rexistros de 1904 naceron xa cunha vocación transoceánica, como un produto dirixido moi especialmente ao consumo entre os galegos da emigración americana, e en particular os de Bos Aires, daquela principal foco de atracción para tantas galegas e galegos da diáspora. Inmediatamente comezan a agromar naquelas terras —tan distantes, tan próximas— coros e agrupacións que seguen o ronsel trazado polos coros da Galicia territorial. E, xunto con eles, un número crecente de rexistros sonoros, moito máis doados de realizar naquela capital cosmopolita e desenvolvida.
O resultado foi un importante corpus de patrimonio documental sonoro, xerado fundamentalmente, aínda que non unicamente, no contexto das actividades dos numerosos centros galegos e dos seus coros existentes na capital arxentina. No 2004, nunha primeira cata deste patrimonio en Bos Aires realizada polo Consello da Cultura Galega, acháronse preto de 250 pezas nos diferentes centros galegos: Centro Gallego — Instituto Argentino de Cultura Gallega—, Casa de Galicia, Federación de Sociedades Gallegas, etc., así como en arquivos particulares, como o de José Campos Barcala —con 52 pezas— e outros, nunhas condicións de conservación e integridade das coleccións a miúdo moi precarias. No seu conxunto, catalogáronse ao redor de 500 rexistros de obras de todo tipo: recreacións das músicas de tradición oral, obras dos autores do Rexurdimento —Juan Montes, Pascual Veiga, Juan José Castro «Chané»— e outros de xa entrados no século XX —Baldomir, Mauricio Farto, Luis Taibo, Iglesias Vilarelle, Bernardo del Río—; números de zarzuelas, etc. Entre os intérpretes, grupos consagrados no ámbito do folclore, como Os Soutelos de Montes ou Manuel Dopazo; solistas como Maruja Villanueva; e por suposto, en gran número, coros e mesmo bandas de música pertencentes aos propios centros galegos espallados pola capital do Plata. Entre as casas discográficas máis frecuentes, RCA Victor, Columbia, Odeon e outras vinculadas aos colectivos galegos, como Galicia ou Celta.
A diversidade das propostas artísticas que se recollen nestes soportes dan conta do dinamismo estilístico, entre o enxebrismo e a mestizaxe, no que se movían as colectividades galegas de alén mar. Entre as gravacións do Coro Residentes de Vigo, dirixidos por Julio Anta, que contiñan foliadas, alalás, pandeiradas…, e as creacións sobre aires galegos cun perfil máis actualizado de autores locais como Daniel Cauvilla ou Alfredo Gatell.
No seu conxunto, as gravacións de música galega na Arxentina conforman un patrimonio clave para comprender como foi a recreación e o mantemento da identidade cultural dos galegos en Bos Aires e, por extensión, en toda América do Sur. O seu impacto non se circunscribe só ao ámbito americano, onde existía un mercado para a súa produción e consumo, moito máis dinámico do que na propia Galicia territorial. A miúdo foi precisamente nesa contorna americana onde se xeraron algunhas das iconas da identidade musical da Galicia de acá, como sucedera coa popular Rianxeira, composta e gravada primeiramente en Bos Aires, nun soporte de 78 rpm, polo Coro Social de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Riango [sic] para a casa RCA Victor e incorporada logo con singular éxito ao patrimonio musical de toda a galeguidade.

Para saber máis

Costa, Luis (1997): «A música da Galicia Exterior», en VV. AA., Galicia terra única: a Galicia exterior. Vigo [catálogo de exposición], Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 80-91.
Rodríguez Galdo, María Xosé / Afonso Vázquez-Monxardín Fernández (coords.) (1996): Patrimonio Cultural Galego na Emigración: actas do I Encontro, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.
Romaní, Rodrigo (coord.) (2009): A música galega na emigración: [actas do] IV Encontro O Son da Memoria, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega.