Número obxecto 6
Título do obxecto MUÍÑO DE MAN

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Muíño de man
Aranga
2500-2000 a. C.
Museo Arqueolóxico e Histórico
do Castelo de San Antón. A Coruña

Datos sobre o obxecto

Este muíño de man, de vaivén de tipo naviforme, con pedra volandeira (xoga) e realizado en granito, apareceu nas proximidades da mámoa da Calzada de Mato, situada á saída da corredoira do lugar de Mato, na parroquia de Fervenzas (Aranga). Datado entre o 2500 e o 2000 a. C., consérvase no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, na Coruña.
Entre as ferramentas que aparecen en Galicia durante o Neolítico, talvez unha das máis esquecidas sexa o muíño de man. O esquecemento é inxusto, dada a importancia do útil, mais ten a súa explicación. Cando pensamos na pedra puída o primeiro que vén á cabeza son os fermosos machados neolíticos, un trebello case seguro que masculino, pois son os homes en case todas as culturas os encargados de facer roza e cortar grandes árbores. É tamén un obxecto de estatus. O muíño, porén, é un obxecto humilde: ao contrario que os machados, nunca se transformou en elemento de prestixio nin moeda de cambio. Non está feito en materiais estraños e valiosos, senón en granito, unha das rochas máis abundantes de Galicia. E seica o máis importante para explicar o seu esquecemento: non é un obxecto masculino, senón feminino. Muller e muíño ficarán asociados estreitamente durante toda a Prehistoria recente. A aparición do muíño de man supón unha nova tecnoloxía, vinculada a unha nova práctica económica (o cultivo de cereais). Tamén un novo alimento: muíño e fariña veñen xuntos, aínda que alén diso se moian landras e outros froitos.
Non nos decatamos, no entanto, de que as pedras de moer supoñen ademais unha nova xestualidade: a muller traballará a partir de agora de xeonllos, a vista no chan. Esta postura do corpo, que temos visto en tantas reconstrucións de museos, non é inocente, pois vai contribuír á creación das diferenzas de sexo que aparecen precisamente durante o Neolítico: os homes seguirán ergueitos —cazando, cortando, cultivando—. E, de aquí a pouco, mandando como líderes da comunidade. O muíño implica outros
cambios na experiencia cotiá das mulleres —e dos homes—. Pensamos na pedra como algo esencialmente tanxible. Mais non podemos reducir o muíño ao sentido do tacto ou o grande esforzo físico da moenda. O traballo de moer trae consigo toda unha paisaxe sonora, que a partir de entón e durante moitos milenios caracterizará a vida nos poboados: un ritmo novo. É seguro que xorden a partir do Neolítico novas músicas nas que os sons do muíño desempeñan un papel preponderante —como máis tarde as tixolas, os sachos ou as botellas de anís—. Mais a primeira percusión rítmica e pautada foi a de pedra contra pedra do muíño de man.
Mesmo o trebello máis cotián ten algo de místico e a moedoira non é allea a este fenómeno. As probas disto non son fáciles de atopar, mais a deposición dos muíños dentro de foxas en xacementos do Bronce Final como Casal de Moaña, Monte Buxel e Cabral (Pontevedra) leva a pensar no que os arqueólogos chaman un «depósito estruturado», é dicir, unha forma de desbotar lixo na cal están en xogo cuestións simbólicas e non meramente funcionais. Por que se non o esforzo de meter as pedras, ás veces moi pesadas, dentro dos buratos, que deixan foxa e pedra inutilizables? Os muíños da Idade do Bronce, ao contrario que os da Idade do Ferro, eran con frecuencia de grandes dimensións, e polo tanto difíciles de transportar. Nunha época en que as cabanas eran de pallabarro, en certa maneira as pedras de moer constituían a arquitectura das aldeas e fixaban os asentamentos —aínda non sedentarios— á terra. Tamén é proba deste valor alén do funcional a existencia dalgunhas mans de muíño con decoracións, como as achadas no castros de Santa Trega, xa na Idade do Ferro.
Talvez por todas estas razóns (a paisaxe sonora, a xestualidade corporal, a asociación estreita entre muller e obxecto, a simboloxía cultural) estes obxectos mudaron pouco durante milenios. Mentres que noutras partes da Península Ibérica os muíños circulares se espallaron rapidamente durante a Idade do Ferro, o muíño plano no noroeste resistiuse a desaparecer, ben que os castrexos coñecían o muíño circular desde o século IV a. C. polo menos. Porén, non será até o cambio de era, xa baixo a ocupación romana, cando se produza a substitución masiva e xeral desta peza —e da súa música e dos xestos—. Os prehistoriadores fan as súas fases cos obxectos que máis mudan: estes son os que marcan o ritmo da evolución cultural humana (os machados, as espadas, as xoias, as fíbulas). Se empregásemos ferramentas como o muíño de man, seguramente contariamos outra historia ben distinta.

Para saber máis

CONCHEIRO COELLO, Ángel / Luis Xulio CARBALLO ARCEO / Josefa REY CASTIÑEIRA (2003): «A introducción dos muíños circulares nos castros galegos», Brigantium: Boletín do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, 14, 97-108.
TEIRA BRIÓN, Andrés / Estevo AMADO RODRÍGUEZ (2014): «Molinos fuera de lugar: fronteras y contextos de la molienda en la arqueología de la Edad del Hierro del noroeste ibérico», Revista d’Arqueologia de Ponent, 24, 271-287.