Número obxecto | 62 |
---|---|
Título do obxecto | PROXECTOR DE CINE DE BARRIGA VERDE |
Gústache?
Coñecíalo?
Características
Cartela
Proxector de cine de Barriga Verde
París, Francia
Établissements Continsouza, 1911
Colección particular. Ribadeo
Datos sobre o obxecto
Este proxector de cinema mudo é para filmes de 35 mm. Modelo Pathé Renforcé do ano 1911, con número de serie 42 668. Fabricado pola casa Continsouza, o Renforcé foi o proxector de cinema mudo máis estendido e apareceu no catálogo de Pathé en 1905. Construído este aparello en aceiro e bronce, o movemento intermitente propio da proxección de filmes conseguíase a partir da cruz de Malta, protexida dentro dun cárter estanco no que a engrenaxe estaba amparada do po e do ferruxe. O aparello accionábase a manivela. A iluminación conseguíase cunha lámpada de carburo.
Barriga Verde, alén de ser un personaxe de teatro de monicreques de luva, remite na memoria colectiva a todo un universo de lecer nos anos duros da posguerra. Ademais da súa presenza fixa nas principais feiras do ano, Barriga Verde chegaba no inverno ás aldeas do interior, acompañado de cine e baile, onde constituía todo un acontecemento. A familia Silvent, de procedencia francesa e de estirpe circense, proxectaba filmes no rural durante os meses que ían das San Lucas á Pascua, isto é, cando remataba a tempada de feiras e festas patronais. Os tres irmáns Silvent, chegados a Galicia a principios do século XX, repartíronse as distintas bisbarras do país para achegar o seu espectáculo. Dese xeito, Santiago, asentado na área de Ferrol, levaba o cine e os monicreques pola Costa da Morte, Bergantiños e A Mariña. José, casado cunha moza de Lérez, percorría no inverno as comarcas da Terra de Montes, A Paradanta e O Carballiño. A súa irmá Julia e os seus fillos centráronse nas comarcas de Lemos, Deza e Tabeirós.
Dos distintos proxectores empregados polos tres irmáns, destacamos, polo seu óptimo estado de conservación, un dos gardados por Juan Silvent, fillo de Santiago e residente na Devesa (Ribadeo). José, o irmán de Santiago, empezara usando unha Gaumont, tamén francesa, cando proxectaban cinema mudo polas aldeas, até que, en palabras do seu fillo Alfonso, «a xente [cansou] de tanto ler e houbo que comprar unha sonora». En calquera caso, a chegada do cinema sonoro retrasaríase con respecto ás cidades, até ben entrada a década dos corenta, cando os irmáns se fixeron coas máquinas de cinema sonoro, que nun principio non soaban nada ben. Juan, nado en 1939, lembra que os filmes mudos máis celebrados eran os westerns de Tom Tyler e os cómicos de Charlot. Os filmes mercábanos de segunda man no Rastro de Madrid; en moitos casos eran copias desbotadas polos cines comerciais, ás que lles faltaba algún anaco. Juan lembra como o seu pai «repasaba» as películas máis gastadas, facéndolles os dentes para poder enganchalas na bobina. El mesmo ten arranxado moitas películas, ás veces incluso mudando o seu desenlace, rematando cun bico unha historia de final tráxico.
Nas aldeas do interior de Galicia, a chegada dos Silvent constituíu durante moitas décadas un acontecemento único. A familia toda era acollida nalgunha casa (en ocasións na dalgunha familia emigrada, que quedara baleira) durante o tempo que ficaban na aldea, e cada noite puñan cine e música para o baile e representaban pezas de monicreques nalgunha palleira. Nestas actuacións non cobraban entrada, a diferenza do que facían nas representacións estivais na barraca, senón que admitían pagamento en especie. Así, nas aldeas do interior era frecuente que lles pagasen con grao de millo, patacas ou ovos, e na costa adoitaban retribuírlles con peixe. O programa da velada polo habitual comezaba coa actuación dos monicreques, seguidos pola proxección do filme e rematando co baile, que amenizaban primeiro cun órgano de man e máis recentemente poñendo discos nun gramófono. Como conta Alfonso Silvent, «[o] cine para os vellos e o baile para as mozas; [h]abía que compracer a todos, porque os vellos non bailaban».
Durante as primeiras décadas do franquismo, os bailes e as feiras constituían espazos de socialización popular libres do control das autoridades. No rural, que quedou á marxe da penetración da cultura de masas até ben avanzada a década de 1960, a chegada dos artistas ambulantes (chamados xenericamente «titiriteiros», aínda que non manipulasen monifates) representaba un momento longamente arelado por crianzas e maiores. O espectáculo de monifates de Barriga Verde, xunto cos filmes proxectados e os discos que amenizaban o moceo, permitiu á poboación destes lugares gozar duns momentos de distensión nuns anos especialmente duros.
Para saber máis
ASOCIACIÓN CULTURAL MORREU O DEMO (s. d.), Santiago de Compostela (www.barrigaverde.eu).
CAMPOY GARCÍA, Comba et al. (2015): Barriga Verde, de feira en feira, Santiago de Compostela, A. C. Morreu o Demo.
Morreu o demo, acabouse a peseta (dir. Pedro Solla) [documental], Galicia, Tintimán Audiovisual, 2012