Número obxecto 63
Título do obxecto SEPARADOR ELETROMAGNÉTICO DE MINERAL

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Separador electromagnético de mineral
1914
Minas de San Finx. Lousame

Datos sobre o obxecto

O separador electromagnético é unha máquina utilizada en aplicacións para as que se necesita dividir materias primas con diferentes capacidades magnéticas, mediante o emprego de separadores que atraen os materiais ferromagnéticos. Este instrumento resulta moi efectivo; componse dunha estrutura simple con gran capacidade de volume de procesamento e é doado no seu uso e mantemento.
Antes de 1936 as únicas minas de volframio en explotación en España eran as de San Finx, en Lousame, e Fontao, en Silleda. De xeito esporádico, tamén se explotaban xacementos nos municipios ourensáns de Avión, Beariz, Vilar de Cervos, Vilanova e Casaio. A presenza de empresas de participación alemá foi un feito xa desde 1938: S. A. de Estudios y Explotaciones Mineras Santa Tecla e Montes de Galicia, S. A.; no entanto, as minas de San Finx estiveron administradas por Industrias Gallegas, propiedade do Banco Pastor, desde 1941, cando foron nacionalizadas.
A minería constituíu, xa que logo, unha das actividades económicas máis importantes en Galicia, e neste relato as minas de San Finx ocupan un lugar preeminente. Aínda que hai constancia de explotacións mineiras desde a Idade Media, non será até a chegada do emprendedor inglés Thomas W. Burbury en 1880 cando a explotación comece a adquirir a importancia que hoxe se lle recoñece. O seu sobriño Henry W. Burbury realizou diversas prospeccións e, en 1890, aparece como propietario da concesión Phoenicia —situada no lugar de Cova dos Mouros—. Co tempo, e durante o primeiro terzo do século XX, o xacemento foi o motor económico non só de Lousame, senón tamén de toda a bisbarra.
A sociedade The San Finx Tin Mines Limited constitúe a primeira explotación de volframio iniciada en España e unha das primeiras de Europa.
Por este motivo, os investimentos foron importantes co obxecto de dispor das mellores instalacións tanto de extracción como de tratamento do mineral. Así, San Finx contará coas técnicas máis destacadas do momento; entre elas, as separadoras de bandas cruzadas, as primeiras electromagnéticas que se montan en España, a fins do XIX. A presenza de volframio nestas terras converteunas en referente mundial. Trátase dun material estratéxico e, aínda que foi moi apreciado durante a primeira guerra mundial, converteuse nun dos produtos máis cobizados a partir de 1940 —o volframio galego foi un obxectivo estratéxico para os nazis— e durante a guerra de Corea. Este metal é fundamental para entender as sociedades modernas, xa que sen el non se podería abaratar a produción de moitas das máquinas que nos rodean.
Unha etapa destacada na historia das minas de San Finx é a que se corresponde cos anos 1940-1952. Dada a demanda dos países que estaban involucrados na segunda guerra mundial —especialmente Gran Bretaña e Alemaña—, Lousame convértese nun polo de atracción de persoas e ideas, co cal axudou, así, a aplacar a fame e o medo da posguerra española. Durante os anos 1939-1940 foi masiva a acumulación do mineral por parte dos alemáns, que aproveitaron os portos galegos para a súa exportación. Ante esta circunstancia, os aliados —sobre todo os británicos— procederon á compra de mineral e, xa en 1944, a exercer presión sobre a ditadura mediante a restrición da venda de petróleo. Neste contexto de miseria e escaseza, San Finx supuxo un impulso para a economía e a poboación de Lousame, que pasou de 4000 habitantes en 1900 a 6500 en 1955. A presenza de mulleres era destacada; elas desempeñaban traballos de servizo doméstico, cargaban vagóns, separaban o mineral, secábano, levaban auga ás casas, carrexaban leña ou buscaban estaño e volframio polo monte. Tamén teñen presenza os chamados «aventureiros», que traballaban clandestinamente as minas, e os «recuperadores», que aproveitaban o mineral desbotado pola empresa. No momento álxido da minería, en 1943, chegan a traballar en Galicia oficialmente preto de 10 000 persoas.

Para saber máis

BILBOMÁTICA / CUATROPI TOURISM (s. d.): «Centro de interpretación de las Minas de San Finx», Visita Mi Trabajo, Oviedo (http://www.visitourwork.com/es/content/todas-las-categorias-patrimonio-industrial-worked-mineria/centro-de-interpretacion-de-las/).
CONCELLO DE LOUSAME (s. d.): «Minas de San Finx», Lousame (A Coruña) (http://www.concellodelousame.com/es/historia/minas/minas.html).
LÓPEZ OTERO, M.ª Luisa / José Manuel ÁLVAREZ-CAMPANA GALLO (coords.) (2007): Introdución á minería no Barbanza, A Coruña, Cámara Oficial Mineira de Galicia (http://camaraminera.org/uploads/COMG/documentacion/mineria/_mineria_barbanza_web.pdf).