Número obxecto 64
Título do obxecto BANDEIRA DAS IRMANDADES DA FALA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Bandeira das Irmandades da Fala
Betanzos
1916
Museo das Mariñas. Betanzos

Datos sobre o obxecto

Esta é a única bandeira que conservamos das Irmandades da Fala e debe datar de 1918. Gárdase no Museo das Mariñas, en Betanzos.
A bandeira de Galicia, branca con transversal azul, maniféstase por primeira vez en Santiago de Compostela o 25 de maio de 1891 durante o traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro ao Panteón de Galicia.
Na Coruña o xornalista Antón Villar Ponte, preocupado pola lingua e pola cultura galegas, comenta en dous artigos, en decembro de 1915, en La Voz de Galicia as iniciativas dos cataláns a prol da súa lingua e contestará, en xaneiro de 1916, á enquisa sobre o galego na escola aberta pola revista Estudios Gallegos , que dirixía Aurelio Ribalta Copete, en Madrid. Recolle amais vellas ideas que publica en marzo no folleto Nacionalismo Gallego . Nuestra afirmación regional . Logo fará un chamamento para o 18 de maio de 1916 na sede da Real Academia Galega, ao que acoden vinte e oito fundadores que crean a Liga de Amigos do Idioma, cos seus estatutos, e elixen un consello directivo.
Esta semente do idioma vai enraizar ese ano noutras cidades e vilas: Santiago, Monforte de Lemos, Ourense, Pontevedra, Vilalba. En abril de 1917, no boletín A Nosa Terra , unhas mulleres inician unha campaña para poder doar unha bandeira á Irmandade da Coruña, como, por exemplo, María Miramontes, que se subscribe cunha peseta. Neste ano xorden a Irmandade de Ferrol e a de Vigo. A de Betanzos créase en outubro. Seguirán a fundarse outras.
Amais da defensa da lingua, o seu principal símbolo, crearon unha iconografía propia. O fouciño dos labregos convértese no seu emblema. Con el evocarían o poema de Curros «A fouce do abó» (1874) ou o de Rosalía de Castro «A xustiza pola man», publicado en 1880, o conto «¡A xustiza!» de Manuel Lugrís Freire, un dos seus confrades, e o poema «Acción Gallega» do poemario Vento mareiro , que Ramón Cabanillas, outro dos irmandiños, acaba de escribir. O isologo da fouciña e as letras en maiúscula «Irmandade da Fala. A Cruña» imprímese nos seus documentos. Nas outras federacións das Irmandades só cambiaba o nome da localidade.
O 3 marzo de 1918 celébrase unha asemblea no local da Irmandade na Coruña. Elixiuse un consello que preside Lois Peña Novo e esa directiva redactará outros estatutos que trocan o nome de Amigos da Fala polo de Irmandade da Fala. Estes novos estatutos serán asinados o 10 de xuño de 1918. No mes de xullo as Irmandades da Coruña encargáronlle a súa bandeira ao artista Camilo Díaz Baliño. Non coñecemos ese deseño pero sabemos da súa presenza. O 3 de febreiro de 1923, na Coruña, nun dos laterais do ataúde que contiña dos restos mortais de Manuel Martínez Murguía para seren traslados ata o cemiterio ondeaba esa bandeira.
A bandeira da Irmandade da Fala de Betanzos non sabemos se segue ese deseño encargado a Camilo Díaz Baliño. No fondo está a bandeira galega e sobre ela a cruz espada de Santiago. A cruz latina vermella, símbolo da cristiandade, fora usada polos guerreiros que loitaban contra o islam; despois converteuse en sinal dos hábitos e dos selos dos cabaleiros da Orde de Santiago, de orixe estremeña, ao se consagraren os seus membros como vasalos e cabaleiros seus, e máis tarde en divisa da propia Orde. Posteriormente identificouse co propio apóstolo Iago e incorporouse ao repertorio de emblemas da Igrexa compostelá e da cidade mesma. Os xogos de naipes heráldicos, moi divulgados no século XVII e no XVIII, identificaron a cruz espada con Galicia. Sobre ela sobrepóñense dous círculos. Dentro do situado no brazo da dereita vemos a fouce. No da esquerda preséntase unha ponte defendida, o emblema de Betanzos. Debaixo dos círculos esténdese unha cartela co nome en letras maiúsculas: «IRMANDADE DA FALA». Embaixo outra cartela: «BETANZOS».
Os irmandiños, co seu esforzado labor cultural e político, axudaron a concienciar o pobo galego dos seus dereitos como nación. Eles e, logo, o Partido Galeguista deitaban esa colleita no Estatuto de autonomía de Galicia en xuño de 1936. Con el e con esa simbólica fouce querían apañar novas anadas. Pero outra fouce, en xullo, a da intolerancia, segará a súa vida e derramará eses logrados froitos.

Para saber máis

BERAMENDI GONZÁLEZ, Justo (2007): De provincia a nación: historia do galeguismo político, Vigo, Xerais.
TORRES REGUEIRO, Xesús (1991): «A Irmandade da Fala de Betanzos: 1917-1930», Anuario Brigantino, 14, 91-137.
VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto (2003): A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno, Sada, Ediciós do Castro.