Número obxecto 65
Título do obxecto SÓLIDOS CRISTALOGRÁFICOS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Sólidos cristalográficos
París, Francia
Abate René-Just Haüy, 1919
Museo de Historia Natural, Universidade de Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

A colección de sólidos cristalográficos en madeira do abate René-Just Haüy está depositada no Museo de Historia Natural da USC «Luis Iglesias» e constaba inicialmente de 1024 pezas talladas en madeira de pereira que representaban as diferentes formas cristalinas descritas por Haüy no seu Traité de minéralogie (París, 1801), máis adicións posteriores. Representan as formas regulares, correspondentes a cada unha das variedades cristalinas da especie mineral, numeradas e etiquetadas. Inclúe tamén modelos de cristais hemitrópicos divididos en dúas metades unidas por un eixo metálico para podelos xirar. De todas as maneiras, no inventario recollido por Macho y Velado en 1891 xa tiña mil sete pezas. Na actualidade consta de mil tres pezas de 2,5 cm × 4 cm, a maioría delas, aínda que algunhas chegan aos 8 cm. Atópanse en boas condicións de conservación.
Foron construídas polos ebanistas que tiña o abate Haüy ao seu servizo no Muséum d’histoire naturelle de París (posiblemente polo mestre Belouef), coa verificación final dos seus ángulos mediante goniómetro polo propio abate.
É unha das escasas coleccións construídas baixo a dirección de Haüy e conservadas na actualidade. Algunhas delas foron enviadas a coñecidos científicos europeos: Werner en Alemaña, Berzelius en Suíza, De Saussure en Xenebra ou Van Maurum en Holanda. De todos os xeitos as máis importantes que se conservan na actualidade, ademais da de Santiago, son só as do Naturhistorisches Museum de Viena, con preto do milleiro de pezas, e a do Teylers Museum en Haarlem (Holanda), con 569, así como algunha moito máis reducida, de carácter particular, ou a do Muséum d’histoire naturelle de París, moi alterada e modificada.
Esta colección foi adquirida no ano 1819 polo catedrático de Matemáticas Sublimes da USC José Rodríguez, daquela en París. Viña de realizar unha estadía en Gotinga, xunto a Werner, o máis afamado xeólogo do momento. Pasou despois a París e alí foi onde estableceu unha fonda amizade co abate Haüy, fomentada posiblemente pola relación de Rodríguez con Werner, a quen o abate lle profesaba grande admiración. A colección foi probablemente un agasallo, pois o prezo que tiña (un franco cada peza, o que supón uns 4100 reais para toda a colección) non semella que fose accesible para o matemático galego, de quen nunca se soubo que gozase dunha posición desafogada. Á morte de Rodríguez, a colección pasou a mans do seu testamenteiro, o farmacéutico Julián Suárez Freire, e posteriormente os seus herdeiros vendérona á USC, en 1846, por 4000 reais.
Cando Augusto González de Linares chegou a Santiago como catedrático de Historia Natural, dedicou unha boa parte do tempo do curso 1872-1873 a clasificar, coa axuda dos alumnos, as 1024 pezas da colección e, apoiándose nelas, a difundir coas súas conferencias a nova ciencia da cristalografía. Trasladado a Madrid despois da súa expulsión da Universidade de Santiago por explicar o darwinismo, continuou co seu labor divulgador da colección e da cristalografía, sendo oínte das súas conferencias Francisco Quiroga, fillo de pai galego, doutor en Farmacia e licenciado en Ciencias. O contacto con Linares e posteriormente con Calderón (antigo profesor tamén de Santiago) orientou a súa vocación cara á cristalografía, ata o punto de que chegou a ser desde 1887 o primeiro catedrático de Cristalografía de España e mesmo de Europa.
A relevancia desta colección reside, en primeiro lugar, na súa singularidade a nivel universal e na importancia que tivo na consolidación da cristalografía como ciencia. Para Galicia representa a lembranza material do labor de José Rodríguez, o primeiro investigador científico galego de sona internacional. As súas relacións cos científicos de máis renome do momento (Biot, Arago, Werner, Monge, etc.) amosan a alta consideración en que tiñan o seu traballo e persoa. E froito dela foi, con toda probabilidade, o agasallo feito polo abate Haüy desta singular colección.

Para saber máis

BARRAL MARTÍNEZ, Margarita (2012): «José Rodríguez González: o matemático do Bermés», en VV. AA., Álbum da Ciencia, Culturagalega.org, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://culturagalega.gal/albumdaciencia/detalle.php?id=313).
LEONARDO, Francisco (2013): «Haüy crystal models at the University of Santiago de Compostela», Mineralogical Record, 44, marzo-abril, 1-8.
RODRÍGUEZ CARRACIDO, José (1917): «La cristalografía en España: una cátedra de la Universidad Central creada por una colección de la Universidad de Santiago», en Estudios histórico-críticos de la ciencia española (2.ª ed.), Madrid, Alrededor del Mundo.
TOURET, Lydie (2004): «Crystal models: milestone in the birth of crystallography and mineralogy as sciences», en Jacques L. R. Touret / Robert P. W. Visser (eds.), Dutch Pioneers of the Earth Sciences, Amsterdam, Koninklijke Nederlandse Akademie van Wetenschappen.