Número obxecto 7
Título do obxecto ESPADA TIPO ISORNA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Espada tipo Isorna
Rianxo
Idade do Bronce, 800 a. C. Museo Arqueolóxico e Histórico
do Castelo de San Antón. A Coruña

Datos sobre o obxecto

En 1971, en Isorna (Rianxo, A Coruña), as máquinas de dragaxe sacaron das augas do río Ulla unha espada moi deteriorada, no lugar coñecido como Pozo das Torres. Foi doada ao Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón da Coruña, onde actualmente está exposta.
A pesar da súa mala conservación, constitúe unha magnífica mostra da arte metalúrxica de finais da Idade do Bronce. A folla, estreita, ten tendencia á forma de «lingua de carpa» e está reforzada con dous pequenos nervios que conflúen cerca da punta. Son visibles os restos dunha decoración de acanaladuras finas, que parecen formar rombos concéntricos e que poderían rodear tamén os grandes chanzos semicirculares, moi abertos, chamados ricazos. Conserva vestixios de tres furados, polo que a empuñadura, que se perdeu, debeu de estar fixada mediante remaches. Foi fundida nun molde, non sabemos feito en que material, aínda que os de area compactada a partir dun prototipo feito en madeira permitirían a obtención de tan sutís decoracións.
O seu singular feitío dá nome ao chamado tipo «Isorna», semellante ao das espadas coñecidas como de tipo «Monte Sa Idda» (polo xacemento sardo), cun deseño pensado máis para cravar que para fender. Constitúe o derradeiro estadio evolutivo das espadas da Idade do Bronce, que se data por volta do 800 a. C., na transición á Idade do Ferro.
Ao igual que a espada de Isorna, máis da metade das espadas europeas proceden de ríos ou medios acuáticos. En Galicia podemos destacar os achados dos ríos Ulla, Miño e Sil, algúns en relacións con vaos e outros cun patrón diferente, como o conxunto de Santo Estevo de Ribas do Sil. Pero tamén aparecen en terra, relacionadas con puntos de paso na orografía, cavidades ou penedos, como é o caso da espada de Forcas ou o da espada de Mouruás.
Os autores dan pouca credibilidade á hipótese funeraria, porque noutros países europeos onde son ben coñecidos os contextos deste tipo tamén aparecen depósitos de armas. Algúns pensan que estas espadas, como unha extensión do corpo dos guerreiros, os substituirían dalgún xeito en rituais de deposición. De feito, antes de seren amortizadas ou mesmo de seren fracturadas intencionalmente, algunhas foron empregadas en combate.
Dende esta perspectiva, xa nas augas, xa nos penedos, a súa ocultación podería responder a un acto público de sucesión ou de competición polo poder, mediante o sacrificio de obxectos de valor social, de símbolos de rango, que acaso distinguisen a relevancia de certos individuos. Pero tamén podería ter un carácter lexitimador sobre o territorio. En calquera xeito semella claro, dada a variabilidade de situacións, que non todos os depósitos de armas foron motivados e realizados polas mesmas razóns.
No caso do río Ulla, o seu tramo final e o seu esteiro na ría de Arousa forman parte desas paisaxes particularmente sinaladas na Prehistoria. Apareceu aquí unha especial acumulación de armas metálicas de diferentes momentos da Idade do Bronce, case todas retiradas do leito do río pola acción das dragas. Algunhas son importacións e outras producións locais que seguen aqueles canons, pero en todo caso exemplifican a importancia das interaccións existentes con outras áreas da Europa atlántica a fins da Idade do Bronce.
Pero a adopción da espada non só implica a adopción das tecnoloxías metalúrxicas para a súa fabricación, senón tamén do ethos, o carácter do guerreiro, e das técnicas corporais requiridas para o seu manexo no combate. Espada e guerreiro forman unha unidade, polo que aquela representa a extensión do corpo deste.
Poderíamos preguntarnos se neste caso o guerreiro se adaptou a unha espada ou se foi o artesán o que fundiu a espada para alguén en concreto. De ser así, poderiamos pensar a espada de Isorna como a personificación dun personaxe de hai mais de 2800 anos que o río cuspiu a través da draga, e que hoxe dorme un novo sono no interior da vitrina do museo. Sexa así ou non, esta espada representa a identidade de expresións materiais e prácticas compartidas con terras ben distantes e a importancia «acochada» deste mundo da Idade do Bronce na historia de Galicia; o ethos reflectido nos poemas de Homero, nos confíns da terra
coñecida polos gregos.

Para saber máis

BRANDHERM, Dirk (2007): Las espadas del Bronce Final en la Península Ibérica y Baleares, Prähistorische Bronzefunde, IV:16, Stuttgart, Franz Steiner Verlag.
MEIJIDE CAMESELLE, Gonzalo (1988): Las espadas del Bronce Final en la Península Ibérica, Santiago de Compostela, Universidade, 123:68, lám. XXVI, fig. 1.
RUIZ-GÁLVEZ PRIEGO, Marisa (1995): «Depósitos del Bronce Final: ¿Sagrado o profano? ¿Sagrado y, a la vez, profano?», en Marisa Ruiz-Gálvez Priego (ed.), Ritos de paso y puntos de paso, Madrid, Universidad Complutense, 29.