Número obxecto 73
Título do obxecto FUTBOLÍN

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Futbolín
A Coruña
Futbolines Delgado, anos 50
Recreativos Ansede. A Coruña

Datos sobre o obxecto

Cóntase e cántase que o futbolín o inventou Alexandre de Fisterra. Cóntase e cántase dende hai un par de décadas, porque até que o cantaron os Diplomáticos de Monte Alto e empezou a contarse nun feixe de publicacións íamos bos de xogar nas salas de xogos, nas festas, nos bares, nos locais parroquiais, nos teleclubs e onde cadrase sen saber ren sobre o seu inventor. O futbolín era a sublimación virtual do gran deporte de masas, moito antes da televisión. Cando ninguén imaxinaba aínda os videoxogos, o matraquillo, nome polo que tamén se coñece, era unha avanzada da PSP. Podíase xogar sen un mollarse, sen balón, sen campo. Era ideal. Certo que os que xogaban mellor ao fútbol real eran os que xogaban mellor ao futbolín; nunca menos distancia houbo entre o virtual e o real. Pero nin uns nin outros sabiamos quen era ese señor de longas barbas que finou aínda hai pouco e que agora reivindicamos como inventor do futbolín moderno. Chamábase Alexandre Campos Ramírez, ou Alexandre Finisterre (1919-2007), e foi editor de Max Aub ou Juan Larrea, bibliófilo, escritor, testamenteiro do poeta León Felipe e inventor do futbolín.
Cando descubrimos que o futbolín era un invento galego, ou dun galego, que tanto ten, a nosa autoestima ascendeu até rañar os ceos. Foi daquela cando empezamos por fin a vivir como galegos e galegas a escala planetaria. Parecía incrible pero crémolo de contado e, o máis importante, logramos que case todo o mundo o crese coma nós. Aí está a Wikipedia en varias linguas para testemuñalo (francés, español, catalán, portugués…), dando conta do invento de Alexandre de Fisterra e acreditándoo como inventor; non chegou aínda á versión inglesa pero no obituario que lle dedicou The Guardian a don Alexandre está o relato enteiro e ben contado. Xa é a historia.
O coñecemento deste asunto chegounos aos galegos no momento axeitado e recolleuno oportunamente a xeración do Xabarín Club até convertelo en símbolo do país, por diante das meigas, do hórreo e doutras antigallas etnoantropolóxicas. En realidade para substituílas no imaxinario colectivo dunha xeración. Por fin algo volvía situarnos no presente e no mundo, algo retomaba a épica da emigración transmutada en exilio. A historia está ben contada e é verosímil; só así puido facerse axiña un oco entre nós e máis alá. O relato é máis ou menos como segue: nun dos bombardeos do asedio de Madrid polos golpistas, en novembro de 1936, Alexandre de Fisterra ficou sepultado e con graves feridas das que se recuperou na retagarda, no hospital da Colonia Puig de Montserrat, en Cataluña, onde foi trasladado. Alí, mentres convalecía ao longo de varios meses, ficou conmovido polos nenos e os soldados feridos —non poucos sen pernas— que ollaban dende as fiestras aos que xogaban ao fútbol no exterior. Así foi como, aproveitándose dos seus dotes de inventor e inspirándose no tenis de mesa, un deporte do que gustaba, ideou o futbolín.
O primeiro daqueles matraquillos foi construído seguindo os seus planos polo seu amigo o carpinteiro vasco Francisco Xavier Altuna, aló polo ano 1937. A patente rexistrada en Barcelona perdeuse cando, despois da derrota republicana, Alexandre tivo que se exiliar en Francia, de onde volve fuxir coa ocupación nazi de 1940. Primeiro en Guatemala e despois en México, fabricou futbolíns e sobre todo fíxose famoso coa Editorial Finisterre. Mentres tanto, en España, os fabricantes de xoguetes valencianos popularizaron o famoso artefacto coñecido aquí como «futbolín catalán», que non era outro que o deseño de don Alexandre e que tiña interesantes diferenzas co futbolín europeo. A máis vistosa, a separación das pernas dos xogadores, que lle dá moitas máis capacidades ao xogo e permite lucir as habilidades dos máis mañosos contendentes.
Pero a historia, como sempre, é máis longa e máis complexa e hai que indagala enteira. O certo é que xa dende 1880 se rexistran patentes de futbolíns, principalmente británicos, e mesmo no Museo do Xoguete de Allariz se conserva algún primitivo xogo de finger football, un fútbol de salón «para señoritas», datado en 1917. Pero é certo tamén que os modelos anteriores son moito menos perfeccionados e que, agás no deseño de Alexandre, que as ten separadas e que é o máis común no Estado español, os demais modelos de futbolín teñen as pernas xuntas en todo o mundo. Curiosamente, ese modelo de futbolín internacional é tamén o máis común en Madrid.

Para saber máis

FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE FUTBOLÍN (s. d.): «El Futbolin [sic]» (http://www.fefm.es/paginas/public/pagina/p/5).
MEILÁN, Xabier (1994): «Alejandro Finisterre: o poeta que inventou o futbolín», Luzes de Galiza, 25, 26-29.
Teaser Tras el Futbolin de 8′ [sic] (dir. Bep Moll de la Fuente) [avance do documental], Cataluña, Tratart Produccions, s. d. (https://www.youtube.com/watch?gl=ES&v=pNhwcPS3sxs&hl=es).