Número obxecto 74
Título do obxecto PICAÑA DO PADORNELO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Picaña do Padornelo
1939 (reprodución s. d.)
Colección particular. Puebla de Sanabria, Zamora

Datos sobre o obxecto

A implantación do Estado liberal español e os intereses da burguesía local no século XIX van tentar mudar o illamento do país galego mediante a presión política en Madrid para acadar que chegue o maior símbolo da modernidade: o tren. O novo deus, o camiño de ferro, pegou de cheo coa barreira dos vellos deuses de pedra no tramo montesío de entre Zamora e Ourense. Só en 1929, grazas a Calvo Sotelo, ministro de Facenda na ditadura de Primo de Rivera, comezaron as obras para conectar definitivamente Galicia con Madrid. Un traballo que ía durar cinco anos levou tres décadas. Nada novo se nos fixamos nos retrasos na construción da liña do AVE neste noso século XXI.
O tramo Puebla de Sanabria-Ourense deste camiño de ferro foi todo un campo de experimentación no que se empregou maquinaria punteira daquela (dumpers, compresores norteamericanos, escavadoras), no que se desenvolveron pioneiros proxectos de enxeñería para erguer pontes e viadutos e abrir túneles e no que se debruzaron milleiros de obreiros carrilanos en condicións infames. Xa o denunciaba Castelao na súa famosa intervención no Congreso dos Deputados o 25 de maio de 1933: «El ferrocarril gallego tiene una larga historia que sangra injusticia». E poucas cousas abranguen esta historia de sangue, suor e bágoas como esta picaña mineira enmarcada como reclamo turístico na parede dun restaurante de Puebla de Sanabria (Zamora). Esta ferramenta (probablemente feita ex professo en 1939) está composta por dous dentes de ferro con forma lixeiramente curvada, mangados perpendicularmente nun pau longo de madeira. Podemos considerala como un obxecto cultual vinculado a un ritual fundacional moderno: o inicio da apertura do túnel do Padornelo, entre Requejo e Lubián, o túnel aberto máis longo de toda a rede ferroviaria da Península Ibérica.
A placa que acompaña a picaña (canda o escudo no Novo Estado franquista) recolle con solemnidade ese momento: «12 DICIEMBRE 1939, AÑO DE LA VICTORIA, F.C. DE ZAMORA A LA CORUÑA, PICO QUE UTILIZÓ SU AYUDANTE ENCARGADO, DON JULIÁN DEL POZO TIRADO, PARA CALAR EL TÚNEL DEL PADORNELO DE 5919 MTS DE LONGITUD». Como todo obxecto, do pasado e do presente, esta picaña non só remite a unha determinada técnica, senón que agocha toda unha vida social, política e ideolóxica. Durante os anos da Segunda República, a man de obra carrilana nestas portelas experimentou un fondo proceso de politización. A ideoloxía libertaria de caste anarquista, o socialismo e o comunismo escoaban polos campamentos obreiros. A folga xeral de marzo de 1932 amosou o poder dos da vía, reprimidos duramente polo Exército e mais a Garda Civil. Non sería a única vez, xa que despois virían a Revolución de 1934 e o golpe de Estado de xullo de 1936, no cal os carrilanos sindicados loitaron contra os sublevados até o punto de controlar a comarca de Sanabria durante dez días. A represión foi brutal: resultaron executadas corenta persoas. Estes antecedentes axudan a comprender o labor propagandístico que comportou o inicio das obras do Padornelo en decembro de 1939, o Año de la Victoria. As inxustizas das que falaba Castelao non fixeron máis que continuar. Na construción do túnel foi empregada man de obra escrava. En 1940 establecéronse no Padornelo dous destacamentos penais, os primeiros da España franquista no formato instaurado polo Sistema de Redención de Penas por el Trabajo. Como dicía a propaganda franquista: «Ha llegado España». Rafael Cid recolleu unha cantiga popular que resume as condicións de traballo: «Túnel doce, túnel doce, / túnel de mucha largura, / que a más de cuatro mil hombres / tú le has dado sepultura. // Túnel doce, túnel doce, / túnel de la boca negra, / la perdición de los hombres / de la juventud gallega».
O 1 de xullo de 1957 o Caudillo inauguraba o tramo Puebla de Sanabria-Ourense-O Carballiño.
Hoxe en día a desmemoria do tempo dos carrilanos materialízase no abandono dos barracóns dos escravos, das casas dos ferroviarios e das propias estacións de tren dende Sanabria á Gudiña e Laza. Do mesmo xeito ca esta arquitectura, a picaña do Padornelo caeu no esquecemento e rematou no Rastro de Madrid, onde foi mercada polo dono do restaurante sanabrés onde se expón actualmente.

Para saber máis

CID FERNÁNDEZ, Rafael (2003): Carrilanos: os túneles dun tempo [documental], TVE-Galicia (https://www.youtube.com/watch?v=0h3xC-AMF-s).
— (2005): Carrilanos: os túneles dun tempo, Vigo, Xerais.
FERNÁNDEZ DÍAZ, Xosé Carlos (2006): El ferrocarril en Galicia: pasado, presente y futuro, Vigo, Ir Indo.