Número obxecto 75
Título do obxecto AUTOBÚS DE LIÑA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Autobús de liña
Mannheim, Alemaña
Mercedes-Benz O 3500, 1954
Empresa Cuiña. Silleda

Datos sobre o obxecto

O autobús, ou coche de liña, o pullman, o ómnibus, o correo, o coche da feira. Eses e aínda outros nomes recibe o medio de transporte colectivo por excelencia da Galicia do século XX. O Rápido, a Directa, o Freire, o Celta, o Páxaro. O autobús é un símbolo dunha Galicia do século XX, ben diferente da que sempre nos retratan, e nós axudamos a retratar, dende unha etnografía dos anos trinta que se converte en antropoloxía nos sesenta pero sempre apunta o mesmo: o tradicional e o máxico. O autobús e a súa expansión rachan historicamente con ese pasado enmeigado para representarnos a Galicia moderna polas estradas e os camiños dun país extenso e densamente poboado, cun poboamento disperso e un hábitat concentrado cada vez máis de sur a norte e unha xerarquía de sete cidades pequenas e un feixe de vilas grandes que articulan en comarcas todo o territorio. As liñas de autobuses en Galicia son a constatación desa articulación e mais desa modernidade no século XX. A súa precocidade iguala a Galicia con outros países europeos na capacidade para aproveitar as vantaxes da segunda onda da revolución industrial, que ten no motor de explosión unha das súas iconas.
En Galicia, como noutros territorios europeos de semellantes características territoriais e demográficas, o autobús substituíu axiña os vellos coches tirados por cabalos, aquelas vellas carrilanas e dilixencias. O motor de explosión aplicado ao transporte de viaxeiros chegou no momento oportuno: cando maiores eran os retornos da emigración, en forma de drenaxe de capitais, pero tamén de recursos humanos e capacidades intelectuais e tecnolóxicas; pouco despois de que as familias de maragatos se asentasen nos nodos e finais do percorrido logo da apertura de vías férreas na década de 1880, eles e outros pasaron de arrieiros a comerciantes e transportistas. Algúns, como os fundadores da Empresa Ribadeo, descubriron o negocio do movemento de persoas e das lanchas da ría pasaron aos autobuses que unían Galicia e Asturias aló por 1916, malia que a Empresa como tal non se constitúe até 1930.
Pero todo empeza moito antes aínda, en 1906, cando Sanjurjo Badía, un innovador emigrante de Sada asentado en Vigo despois de facer fortuna en Cuba, fundara a compañía de transportes La Regional para substituír como sistema de transporte por estrada a dilixencia polo automóbil. Os seus autobuses usan primeiro motores de vapor que axiña serán substituídos por motores de explosión. Non estraña a visión neste campo dun emprendedor e inventor como este vigués que entre outras moitas iniciativas mesmo ensaiou a construción de un submarino. O seu éxito foi total e desprazou das liñas principais aquelas dilixencias que demoraban sete horas en chegar de Santiago á Coruña, incluíndo parada para xantar e cambio de cabalos, segundo conta Pérez Lugín aínda en 1915. No extremo norte outro emigrante retornado de Cuba, Jesús Pita, fundaba en Ferrol El Ideal Gallego (máis tarde IASA), en 1912.
En 1917, en plena guerra europea e en plena expansión de novos automóbiles de todo tipo movidos polos novos motores, os irmáns Evaristo e Manuel Castromil, con seis autobuses Saurer mercados a Alemaña, fundan en Santiago a empresa que leva o seu nome. Dous anos despois mercan a compañía viguesa —á morte de Sanjurjo Badía— e desenvolven o negocio dende a centralidade compostelá cara á Coruña e Vigo. A primeira liña con Pontevedra empezou en 1918 e ao ano seguinte comeza a liña da Coruña. En 1924 concédenselle oficialmente tres liñas a Castromil: a da Coruña-Santiago (cubría o traxecto en dúas horas e media), Santiago-Vigo (tres horas e media) e Santiago-Ourense (cinco horas). En 1929 xa contaba con 43 autobuses en servizo, pois aumentara exponencialmente o número de liñas: A Coruña-Vigo, Santiago-Ourense e de Santiago a Ferrol, Muros e Carballo.
A expansión de empresas de autobuses grandes e pequenas, comarcais, locais e mesmo parroquiais non para dende entón e até que a autoestrada e a xeneralización do utilitario se impoñen no último cuarto de século. Empresas como Cuiña, que dende 1926 une a comarca do Deza dende Bandeira con Pontevedra capital, son as que hoxe pasan a converterse con xeito e gusto inglés nun auténtico museo andante da historia dos autobuses galegos.

Para saber máis

CARMONA BADÍA, Xoán (coord.) (2009): Empresarios de Galicia, A Coruña, Fundación Caixa Galicia.
GÓMEZ VÁZQUEZ, Moisés (2014): O Ideal Auto: material gráfico e anotacións históricas, ed. do autor.
ROLLAND ETCHEVERS, Eduardo (2012): «El Vigo que viajaba en diligencia», La Voz de Galicia (ed. de Vigo), 24 de decembro (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2012/12/24/vigo-viajaba-diligencia/0003_201212V24C4991.htm).