Número obxecto 77
Título do obxecto BANDEIRA DO CONSELLO DE GALIZA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Bandeira do Consello de Galiza
Bos Aires, Arxentina
1946
Real Academia Galega. A Coruña

Datos sobre o obxecto

O Consello de Galiza, organismo fideicomisario da vontade autonómica do pobo galego, foi fundado en novembro de 1944 en Montevideo, malia que tivo como sede a cidade de Bos Aires, núcleo sobranceiro do exilio político galego e galeguista dende o remate da guerra civil española. Non era propiamente un goberno galego no exilio, e só o integraron unha minoría dos deputados galegos das Cortes republicanas (os galeguistas Alfonso R. Castelao, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo, xunto cos deputados republicanos Elpidio Villaverde e, máis tarde, Alfredo Somoza), amais de contar coa adhesión dalgúns máis. Con todo, foi a institución máis representativa do nacionalismo galego no exilio, que mantivo o facho da lexitimidade republicana e mais da vontade de autogoberno de Galicia, expresada no plebiscito autonómico do 28 de xuño de 1936. Con esa finalidade, o Consello elaborou, xunta outras entidades galeguistas e dos emigrantes, unha liturxia e unha simboloxía específicas, herdadas do galeguismo anterior (a conmemoración do 25 de xullo ou do Día dos Mártires de Carral), ás que se engadiron datas como as do 28 de xuño ou o 17 de agosto, en lembranza de Alexandre Bóveda.
Entre os símbolos non podía faltar a bandeira de Galicia, branca cunha franxa diagonal azul, inventada a finais do século XIX e espallada dende comezos do século seguinte, nomeadamente durante os anos da II República. Foi un proceso controvertido: algúns consideraban que era un pavillón localista, inspirado no da Comandancia de Mariña da Coruña, e preferían un modelo de emblema tradicional, usando unha bandeira branca co escudo de Galicia no medio. Aínda que a Real Academia Galega ditaminou no 1930 que a bandeira de Galicia era branca cunha franxa azul celeste,
nos anos seguintes as polémicas tiveron algunha continuidade. Para varios órganos de prensa antiautonomistas, a bandeira branca e azul só era a bandeira dos nacionalistas. Con todo, xa en vésperas da guerra civil a súa difusión era notable.
A bandeira adoitaba ser ondeada e reproducida sen escudo ningún, ou cunha cruz de Santiago no medio, ás veces con outros símbolos. Mais aquí, con evidente vontade institucional, para conferir solemnidade ao uso dos símbolos por parte do Consello, acompañábase do escudo de Galicia, que posuía un enraizado uso histórico de tradición relixiosa: o cáliz arrodeado de sete cruces que, segundo a crenza popular, aludían ás sete provincias eclesiásticas de Galicia (malia que, con case seguranza, respondían só a un motivo estético). O escudo foi adoptado polos rexionalistas e, dende 1916, polos nacionalistas galegos sen gran problema, malia a súa orixe confesional. Curiosamente, o Consello de Galiza non adoptou de forma oficial o novo escudo que Castelao deseñara no 1937, como alternativa laica, no que recorría á figura dunha serea, como símbolo mariñeiro e do «engado atlántico, orixe das nosas aventuras», ao que se unían o lema Denantes mortos que escravos, como homenaxe ás vítimas da represión franquista, e unha fouce de ouro sobre un fondo azul, cunha estrela vermella, «como emblemas do Traballo e da Liberdade».
A bandeira do Consello de Galiza representa un certo compromiso entre a tradición simbólica do galeguismo de preguerra —patente, por exemplo, na disposición das cruces— e unha vontade de institucionalización incipiente. Pois, se non se adopta o escudo deseñado por Castelao nin a divisa relativa aos mártires, si se engade ao escudo unha coroa mural, de carácter republicano, a diferenza da anterior coroa monárquica. A aguia que custodia o escudo e as follas que o bordean son incorporacións orixinais. Porén, as armas da bandeira do Consello de Galiza non tiveron continuidade simbólica. O galeguismo do franquismo serodio e da transición recuperou tanto a bandeira como o escudo tradicional, convenientemente estilizado. E o nacionalismo galego de esquerda xurdido na década de 1960 optou por outros símbolos internacionalistas engadidos á bandeira, como a estrela vermella.

Para saber máis

BARREIRO FERNÁNDEZ, Xosé Ramón / Ramón VILLARES PAZ (eds.) (2007): Os símbolos de Galicia, Santiago de Compostela / A Coruña, Consello da Cultura Galega / Real Academia Galega (http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2007_Os-simbolos-de-Galicia.pdf).
NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel (2012): «Sobre símbolos y conmemoraciones del galleguismo, 1890-2011», en Ludger Mees (ed.), La celebración de la nación: símbolos, mitos y lugares de memoria en el discurso nacional, Granada, Comares, 191-213.