Número obxecto 78
Título do obxecto SEMPRE EN GALIZA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Sempre en Galiza
Bos Aires, Arxentina Castelao, 1944
Colección particular. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

Sempre en Galiza é un libro escrito polo intelectual e líder do nacionalismo galego Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950). Foi publicado, na súa primeira edición, na cidade de Bos Aires o 10 de marzo de 1944. Naquel mesmo ano fundouse, tamén naquela cidade arxentina, o Consello de Galiza, órgano representativo dos deputados galegos sobreviventes das Cortes republicanas, presidido polo propio Castelao, con vocación de constituír, nos primeiros anos da ditadura franquista, un goberno galego no exilio. O 28 de xuño de 1961 publicouse unha segunda edición, ampliada e póstuma, tamén en Bos Aires, na que se engadiu un novo libro (IV) con sete capítulos. No Museo de Pontevedra atópase depositado o manuscrito orixinal do «Adro» e os libros I, II e III (R.º 8709). E en 1992 publicouse unha edición crítica do Sempre en Galiza, en edición conxunta do Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.
Sempre en Galiza componse dunha introdución («Adro») e catro libros, integrados por achegas redactadas e mesmo publicadas polo autor en diversos xornais e en conxunturas políticas, españolas e internacionais, moi diferentes. O «Adro» recolle as 14 colaboracións semanais de Castelao, escritas durante o seu desterro político en Badaxoz, publicadas no xornal A Nosa Terra, baixo o título «Verbas de chumbo», entre o 20-IV-1935 e o 25-VII-1935. O libro I presenta o contido das súas 33 colaboracións no xornal Nueva Galicia entre o 25-VII-1937 e o 10-IX-1938, durante a guerra civil española. O libro II foi escrito no exilio, entre Nova York e Bos Aires, en 1940. A composición do libro III tivo lugar entre xaneiro de 1942 e abril de 1943 en Bos Aires, durante a segunda guerra mundial. Por cabo, o libro IV foi escrito na segunda metade do ano 1947, ao fío da consolidación internacional do réxime de Franco, a desilusión co Goberno republicano no exilio de París e mesmo as crecentes diferenzas co nacionalismo galego do interior.
En Sempre en Galiza elabórase unha idea de nación galega («Galiza é unha nación») como realidade obxectiva independente da vontade politicamente expresada ou da existencia dunha conciencia nacional galega, e cristalizada no decurso da historia. Castelao propón, non sen tensións internas, unha idea de nación galega centrada nomeadamente na lingua e na cultura, abandonando ou minimizando os compoñentes da raza e a terra («etnos e gea») salientados por Vicente Risco, o seu mestre e líder durante anos do nacionalismo galego. Castelao retén, así e todo, de Risco e Losada Diéguez unha visión ruralista de Galicia, non tradicionalista, pero que dificulta a incorporación ao proxecto nacional das clases traballadoras. E tamén defende unha fórmula democrática e republicana de federalismo plurinacional, para a acomodación de Galicia nunha España plural e mesmo cara á construción dunha máis ampla federación ibérica que acollese a Portugal.
Sempre en Galiza é considerado como libro fundacional básico do nacionalismo galego, verdadeiro epítome e testamento do nacionalismo previo á guerra civil. A obra configúrase como un macrotexto de microtextos no que se decanta a enteira tradición galeguista e no que, ademais, se procede a unha renovada síntese crítica e unha fonda rearticulación nacionalista, democrática e federal-republicana de diversos herdos ideolóxicos do galeguismo histórico. Esta obra foi a referencia intelectual e política do nacionalismo galego no só durante a ditadura franquista, senón durante os anos sesenta do século XX e o agromar dun novo nacionalismo, así como en toda a transición democrática. Malia os cambios económicos, sociais, políticos e ideolóxicos, segue sendo, aínda a día de hoxe, algo máis que un libro fundamental: un lugar sobranceiro da memoria cívica e ético-política de Galicia, un compoñente maior do capital mítico-simbólico da nación galega.

Para saber máis

BERAMENDI GONZÁLEZ, Justo (2007): De provincia a nación: historia do galeguismo político, Vigo, Xerais.
— / Ramón VILLARES PAZ (eds.) (1989): Actas Congreso Castelao, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia / Universidade / Fundación Castelao, 2 vols.
RODRÍGUEZ CASTELAO, Alfonso Daniel Manuel (1992): Sempre en Galiza, edición crítica (coord. Ramón Máiz; Xusto Beramendi, Xulio Cabrera, Xavier Castro, Iris Cochón, Francisco Dubert, Alfonso Mato, Henrique Monteagudo, Xan Moreno, Ramón Villares), Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia / Universidade, 1992.