Número obxecto 79
Título do obxecto MOSQUETÓN DE FOUCELLAS

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Mosquetón de Foucellas
A Coruña
Mauser, clase Coruña 43, 1943
Museo Militar da Coruña

Datos sobre o obxecto

A guerrilla foron os fuxidos, os escapados, os do monte, pero no triángulo Terra Chá-Pontevedra-A Coruña foron os Foucellas. Benigno Andrade «Foucellas» (Mesía, 1908 A Coruña, 1952) foi o máis coñecido pola xente, o máis famoso para a prensa, o máis temido polas autoridades da ditadura e o máis temerario. Escribiuse máis del que do Curuxás, do Fresco, do Gardarríos, de Marrofer ou Marcelino o «Gafas». Propagar os nomes dos guerrilleiros como delincuentes era a táctica policial para perseguilos e favorecer a delación. Pero a fama víñalle a algún por mérito propio, por seren solitarios resistentes ou afamados dirixentes. Benigno reuniu todos os requisitos. O empeño en os nomear converteunos —adobado co paso do tempo e da épica— en heroes coñecidos e lembrados. Ninguén lembrará o sarxento da brigadilla ou o comisario da secreta que viña de Madrid —despois de 1946— para perseguilos e tentar apagar aquel remol da fogueira prendida co golpe de Estado de 1936. Algúns superviventes marcharon en 1947, en barcos e con axuda do exilio, cando constataron que os aliados nunca ían perturbar a Franco; outros seguiron no intento de disciplina guerrilleira até 1953. Outros alongaron aquel remol; o Piloto até 1965.
Os doutores Concheiro, de Ordes; Baltar, de Santiago, e os da Clínica San Nicolás que atenderon en 1945 o Foucellas, ferido accidentalmente no xeonllo co seu mosquetón, salvárono á vez da morte pola ferida e da Garda Civil que o buscaba arreo. Eran os meses da vitoria dos aliados fronte ao nazismo e o fascismo en Europa; parecía un tempo de desconto para as ditaduras europeas. Pero, unha vez curado, o Foucellas tivo que seguir fuxido e resistindo até que sete anos máis tarde lle dispararon nunha perna en Oza dos Ríos, o prenderon e lle aplicaron o seu sistema de xustiza ao revés. O 26 de xuño de 1952 foi vista en consello de guerra a causa 53/52, cun tribunal presidido polo coronel de enxeñeiros Gaspar Herraiz; poñente o capitán auditor Narciso Alonso; fiscal o tenente Balbino Teijeiro; e defendeuno o capitán de artillería Benito Rivas Pichel. Sentenciárono a tres penas de morte e agarrotárono vilmente o 7 de agosto.
O nome que asustaba os gardas viña do topónimo da súa aldea das Foucellas, parroquia de Cabruí, onde nacera. Non pasaría á historia se non fose porque aquel operario da leitería, afiliado á Sociedad Republicana Radio Comunista de Curtis, de 28 anos, fuxiu para que non o matasen en xullo de 1936. Como mataron a Manuel Calvelo, o fundador da Radio, profesor de xenética na Universidad Central e activista que xa fundara en 1931 a agrupación socialista de Los Llanos de Aridane, na illa da Palma. Benigno, que lle sobreviviu 16 anos, tivo máis fortuna e máis habilidade co mosquetón ca el.
Entre os 5000 homes e mulleres que houbo no monte en Galicia, naqueles anos o Foucellas destacou pola súa habilidade para fuxir, agocharse e disfrazarse. Para sobrevivir. Cóntase que ía ver os partidos do Deportivo ou entraba nun cuartelillo disfrazado de garda civil; sábese que era protexido por moitos e que logrou escapar da morte en varios enfrontamentos cos gardas, no Pazo de Oca, en Luou… A fama definitiva logrouna coas crónicas do xuízo e unha presenza que non desmerecía do mito: «Foucellas contestaba con voz segura, expresándose con facilidade, se ben con modismos de típica fonética rural», dicía un xornalista; outro escribía: «[F]rente a aquel aldeano que antes de la guerra conoció en Curtis mi mujer, se presentaba Benigno como una persona madura, despierta, cultivada, cualidades que demostraría en el juicio». Nel quixeron representar a liquidación definitiva dos fuxidos que converteron en bandoleiros e asaltadores. O seu mosquetón exhibiuse como peza cobrada.
O mosquetón —o tipo de fusil pequeno— que levaba Foucellas era un Mauser, clase Coruña 43, da fábrica de armas local, onde se fabricou este modelo dende 1943. Os fusís alemáns Mauser fixéranse célebres pola súa precisión na guerra de Cuba e foron utilizados dende 1891 polo Exército español, con diferentes variantes e diferentes fabricacións: o de 1916 na fábrica de Oviedo, os da República fabricados en Checoslovaquia. Deste de
1943 —parecido ao modelo polaco— fabricáronse milleiros até ser substituído polo CETME na década de 1960.
Mitificouno a xente, incluídos os señoritos que ameazaban os fillos con que viña Foucellas se non comían. Non os escritores, nin os partidos.

Para saber máis

HEINE, Hartmut (1982): A guerrilla antifranquista en Galicia, Vigo, Xerais.
JMMS (2012): «El mosquetón Mauser Español modelo 1.943», Historia del S.V.A. (http://svahistoria.blogspot.com.es/2012/11/el-mosqueton-mauser-espanol-modelo-1943.html).
LAMELA GARCÍA, Luis V. (1993): «Foucellas»: el riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952), A Coruña, Ediciós do Castro.