Número obxecto 83
Título do obxecto MÁQUINA DE COSER REFREY

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Máquina de coser
Vigo
Industrias P. Freire (Refrey), 1952
Colección particular. Vigo

Datos sobre o obxecto

Unha das figuras máis recoñecidas e, na miña opinión, máis fermosas dos deseños cerámicos de Isaac Díaz Pardo é esa muller traballadora que leva enriba da cabeza unha máquina de coser. Lévaa coma quen leva o mundo, ou terma do universo todo. Símbolo da muller galega e do traballo, da primeira industria e, en certa maneira, da supervivencia da nosa xente común. Semella unha cariátide. Ollos enormes, que nos interpelan. A máquina ten un aquel de animal estraño, felino mitolóxico. Coñezo polo menos dúas versións: unha primeira dos anos 50, co selo das Cerámicas do Castro, e outra, máis elaborada, que calculo que debe ser dos anos 70, deseñada nos obradoiros de Sargadelos: a cabeza da muller en gres e a máquina de porcelana.
A miña nai, filla de garda civil, xente humilde da Galicia do sur, era costureira. Daquela poucas mulleres estudaban, mulleres do común, quero dicir. Ao que máis podían chegar era a un oficio. Non a recordo coa máquina de coser na cabeza, pero si a traballar seguido, ás veces ata altas horas da noite, noviña ela, apenas vinte e seis ou vinte e sete anos. Era a década difícil do tempo da fame e había que sacar adiante a economía familiar: o meu pai e mais ela, que termaba tamén dos labores da casa. Corte e confección, unha moza que acadaba tal oficio achegaba un bo dote ao matrimonio, e mesmo para si. As señoras da vila viñan polas tardes a probar á casa. Elixían os patróns dos vestidos polas revistas de moda. A miña nai morreu no 57, mais ben que me lembro daquelas longas sesión de costura, debruzada enriba do bastidor e dándolle ao pedal, ao tempo que escoitaba as radionovelas de Guillermo Sautier Casaseca, cunha tal Natalia que viña axudala nos momentos de apuro e que logo marchou emigrante a Alemaña. E lembro a marca da máquina que presidía a saliña de estar: Refrey.
Fabricábanas en Vigo. Durante moito tempo podía verse a entrada da factoría no barrio de Bouzas, onde a familia Freire iniciou a produción contra o ano 1948. Enriba do portón de ferro constaba o nome da marca, que era o apelido dos fundadores lido do revés. Os Freire viñan da construción naval (Paulino Freire), pasaron despois á siderurxia e, na década dos anos 60 no pasado século, convertéronse en referencia sobranceira na produción e comercialización de máquinas de coser (domésticas, semiindustriais e industriais) para toda España e para a exportación, a América sobre todo, competindo con outras marcas coñecidas da época: Alfa e Sigma, e mesmo coas importacións estranxeiras da Singer, outra das grandes referencias daqueles anos. Na factoría Refrey chegaron a traballar ata 500 operarios (300 na fabricación das máquinas e 200 na rede comercial)
cunha produción de ata 30 000 unidades ao ano. Mediada a década dos 80, coa liberalización dos mercados internacionais, a empresa viguesa entrou en crise, igual ca as outras dúas españolas do sector. En 1996 os traballadores fixéronse cargo dela e durante unha década mantivérona activa, instalados no polígono de Mos (Marcofrey). Pero, en 2007, acabaron presentando expediente de extinción.
No imaxinario da miña infancia, a máquina de coser significa a primeira revolución laboral das mulleres: a primeira modernidade das que querían voar e procuraban medios propios para facelo, alén da escravitude do campo, as xeiras do marisqueo, as contratas da conserva ou o servizo doméstico. As familias que podían regalábanlle á filla unha máquina de coser, logo de mandalas a deprender o oficio nos obradoiros da vila, case que coa tradición dos antigos gremios, e coa máquina de coser marchaban algunhas para Américas, a gañar a vida naqueles mundos, na Arxentina sobre todo, coma quen leva o tesouro da súa liberación persoal. Velaí A cicatriz branca, o filme de Margarita Ledo (2015).
A miña nai cosía para as familias pontevedresas. Antes de que entrase a televisión nos fogares galegos nos primeiros anos 60, a máquina de coser presidía o lugar principal da casa. Tiña un aquel máxico para nós, os raparigos, co seu tréquele-tréquele de ferro, símbolo dos primeiros pasos da revolución industrial, case que ao tempo da máquina de vapor. A radio emitía as cancións de moda: boleros de Antonio Machín, coplas de Conchita Piquer, os tangos de Gardel… Malia os tempos atravesados, mentres cosían, noviñas elas, as mulleres cantaban. Era a música da esperanza. Os ollos da figura de Isaac semellan cheos de luz.

Para saber máis

FRAGOSO, J. L. (2014): «Los Freire de Bouzas», Vigoempresa.com, 31 de agosto (http://www.vigoempresa.com/html/es/cover.php?id=112913#.VknSqNIvdiw).
JIMÉNEZ GONZÁLEZ, Manuel (2013): «REFREY máquinas de coser», Museo de Máquina de Coser y Afines, 20 de setembro (http://museodecostura.blogspot.com.es/2013/09/refrey-maquinas-de-coser.html).