Número obxecto 89
Título do obxecto VAIXELA DE VODA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Vaixela de voda
O Castro de Samoedo, Sada
Isaac Díaz Pardo, deseño de 1970 / peza de 2015
Sargadelos. Sada

Datos sobre o obxecto

En 1955, na Arxentina, ten lugar un encontro fundamental para a historia do deseño, a industria e a cultura galegos: o de Luís Seoane (Bos Aires, 1910 A Coruña, 1979), debuxante, pintor, deseñador, editor e escritor, exiliado na cidade, con Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela,
1920 A Coruña, 2012), galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario emerxente.
En 1949 este último iniciara os seus experimentos en porcelana fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro de Samoedo, en Sada, momento no que estas gozaron de bastante éxito.
A viaxe de Díaz Pardo a Bos Aires tiña dúas funcións: ampliar a experiencia dos procesos industriais e comerciais baixo a dirección ética que Luís Seoane buscaba para o deseño e a industria galegos desde o seu exilio arxentino e comunicar aos exiliados galegos da Arxentina as súas experiencias no Castro: Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Eduardo Blanco Amor, Arturo Cuadrado…, así como a necesidade de que retornasen a Galicia.
Esta vinculación entre uns e outros frutificou coa creación da fábrica arxentina de Magdalena no ano 1957, que pechou as portas en 1980, malia que o obxectivo de ambos os dous era reactivar a antiga fábrica de Sargadelos, fundada polo ilustrado Raymundo Ibáñez en Cervo (Lugo) a finais do s. XVIII e pechada definitivamente en 1875.
En 1963 ambos crean en Galicia un ente xurídico denominado Laboratorio de Formas, conceptualizado como un instituto teórico de deseño que pretendía investigar os elementos diferenciais da tradición galega e a arte popular vernácula, así como os trazados e cores do noso país. Ao mesmo tempo, o proxecto contaba cun claro interese empresarial que pretendía reformar o ámbito da vida cotiá dos galegos por medio dun ambicioso plan industrial e cultural.
Este laboratorio, que nace como un manifesto teórico, contén un programa de intencións que se irá cumprindo a medida que finalizan as construcións dos edificios do Castro de Samoedo, a creación das Ediciós do Castro (1963) e do Museo Carlos Maside (1970), dedicado a recuperar o movemento anovador da arte galega, e a rehabilitación da fábrica de Sargadelos entre 1967 e 1970 en Cervo, cunha planta circular do arquitecto Fernández-Albalat.
Todas estas iniciativas artelláronse arredor de tres grandes áreas de interese dos seus creadores: a investigación, produción e actividade culturais galegas.
En 1970 a inauguración da fábrica de Sargadelos permitirá a produción de porcelana a grande escala e introduce criterios utilitarios canto ao calibre das pezas, á súa fraxilidade e aos métodos de estampaxe e decoracións. Estes novos procedementos conseguirán crear a precisa intensidade da cor emblemática da firma: o azul cobalto.
Co paso dos anos os produtos de Sargadelos, xa fosen esculturas, vaixelas, colgantes, pendentes, cinceiros ou dedais de cerámica branca, tinguida co característico azul cobalto, convertéronse nos obxectos fetiches do deseño galego. As súas recreacións dos monumentos locais eran os obsequios institucionais predilectos dos gabinetes de protocolo das diferentes administracións públicas e as súas vaixelas, quer as clásicas de relevos, quer as míticas de cunchas ou peixes ou as de tríscele, pasaron a ser o galano estrela nas vodas de clase media de Galicia (a que aquí presentamos ten un deseño clásico, coñecido como espiroide, inspirado nunha greca que apareceu nunha coroa de Elviña, do século V a. C.). Toda familia que aspirase a certo recoñecemento social debía ter un «Sargadelos» nos seus andeis.
En 1985, a partir da unificación da produción das fábricas do Castro e de Sargadelos, iníciase a gran difusión comercial da súa produción a través das Galerías Sargadelos de Galicia, Madrid, Barcelona, Porto ou Milán, grazas ao cal se consegue que as súas figuras decorativas, as súas vaixelas e os seus xogos de café e té acaden unha difusión mundial.

Para saber máis

LÓPEZ BERNÁRDEZ, Carlos et al. (2005): Diáspora: 10 artistas galegos no exilio latinoamericano (1930-1970) [catálogo de exposición], Vigo, Fundación MARCO / Fundación Luis Seoane.
SARGADELOS (s. d.), Cervo / Sada (http://www.sargadelos.com).
SOBRINO MANZANARES, María Luisa et al. (2004): A creación do necesario: aproximacións ó deseño do século XX en Galicia [catálogo de exposición], Vigo, Fundación MARCO.