Número obxecto 9
Título do obxecto TORQUE

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Torque
O Pino
c. II a. C. I d. C.
Museo Arqueolóxico e Histórico
do Castelo de San Antón. A Coruña

Datos sobre o obxecto

O mundo dos castros do noroeste (c. VIII a. C. II d. C.) conta cunha rica tradición ourive de marcada personalidade formal e técnica, da que é un trazo definitorio o emprego do ouro como principal materia prima. Os torques —obxecto de profundas connotacións sociais e simbólicas— son o principal expoñente dela: téñense documentados máis de 150 exemplares.
O presente, procedente do castro de San Lourenzo de Pastor (O Pino, A Coruña), consiste nun aro de sección circular con terminais piriformes ocos soldados. A decoración do aro organízase en tres zonas, nas que a parte central, de superficie lisa, se diferencia dos terzos laterais, recubertos con tramos de arame enrolado; o terzo central delimítase mediante dous apliques con parellas de espirais de filigrana rematadas nun botón central. Esta ornamentación asegurouse con puntos de soldadura á superficie do aro. Os terminais probablemente se fundiron nunha única peza. O aro mide 40 cm de lonxitude e os terminais 2 × 2,5 cm. Pesa 304,2 g.
As variables morfolóxicas e ornamentais presentes nos torques castrexos deron lugar a diferentes propostas de clasificación tipolóxica. O exemplar que nos ocupa pertence ao coñecido como «tipo ártabro», definido por Luis Monteagudo e caracterizado polo aro de sección circular con arames enrolados nos seus terzos laterais e os terminais piriformes. O inventario deste tipo ascende a 22 exemplares entre pezas completas e fragmentos, correspondentes a 16 achados diferentes. A súa distribución xeográfica supera a área que se supón habitada polos antigos ártabros, se ben se concentra nas provincias da Coruña e Lugo. Outras áreas do noroeste tenden tamén a vincularse con certos morfotipos de torques, mais non existe consenso respecto á interpretación precisa deste fenómeno.
A cronoloxía e o significado dos torques son outro obxecto de debate.
Porén, semella claro que estamos ante un útil polisémico cuxa interpretación non pode cinguirse á de mero adorno de pescozo de propiedade
individual. Sendo certo que as estatuas de guerreiro reflicten esta faceta, tamén coñecemos un número crecente de bronces que representan escenas e motivos de sacrificio de vítimas animais nos que o torques aparece na condición de ofrenda ou símbolo ritual. Pola súa parte, na iconografía das diademascinto de Moñes (Piloña, Asturias) atopamos xinetes de cuxa cabeza xorde unha cornamenta de cervo e que levan torques na man. Este uso do obxecto —documentado tamén nunha escena do caldeiro de Gundestrup— outórgalles sentido aos axóuxeres presentes nun número apreciable de exemplares, feitos mediante a introdución dunha pequena peza mineral ou metálica no interior do terminal oco. Esta polisemia debe lerse igualmente nun sentido diacrónico, na medida en que as connotacións simbólicas dos torques seguramente cambiaron ao longo do tempo. Tamén o fixeron as súas técnicas de fabricación. É nunha etapa avanzada do mundo castrexo, probablemente a partir do século II a. C., cando debemos situar a expansión de procedementos como o chapado ou o dourado, orientados a dotar dunha aparencia áurea superficies de base cobre ou prata. Aínda que non puidemos confirmalo, talvez sexa o caso deste torque, no que o terzo central do aro semella consistir nunha funda tubular que oculta un núcleo metálico quizais de inferior pureza. Como apuntou Alicia Perea, tamén nun momento avanzado se sitúan outros exemplares que, polas súas amplas dimensións ou por certas características técnicas e ornamentais, transgriden o ríxido canon que caracteriza este obxecto durante boa parte da súa historia.
O que non ofrece dúbidas é a estreita asociación dos torques galaicos cos castros. Nun número apreciable de casos —os torques adoitan ser froito de achados fortuítos— contamos con noticias da súa aparición no interior ou nas proximidades de poboados castrexos. No de San Lourenzo de Pastor, ademais do presente —atopado en labores agrícolas— apareceron outros dous torques áureos. Os achados casuais de obxectos de ouro castrexos deron lugar en Galicia a unha ampla tradición oral e a avatares moi curiosos con variados actores (campesiñado, xoieiros, coleccionistas, eruditos…). A principal colección de ourivería castrexa —na etapa premuseística de finais do século XIX e comezos do XX— foi a de Ricardo Blanco-Cicerón, adquirida décadas despois por Álvaro Gil Varela e actualmente no Museo Provincial de Lugo.

Para saber máis

GARCÍA VUELTA, Óscar (2007): Orfebrería castreña del Museo Arqueológico Nacional, Madrid, Ministerio de Cultura.
MONTEAGUDO GARCÍA, Luis (1952): ‘Torques castreños de alambres enrollados’, Archivo Español de Arqueología, 25, 287-296.
PREGO FERNÁNDEZ, Antón (coord.) (2014): O torques de Centroña cen anos despois, Cátedra. Revista eumesa de estudios, monograph no. 3, Pontedeume, Concello de Pontedeume (http://catedra.pontedeume.es/catedra-21-revista-eumesa-de-estudios/#Monográfico).