Número obxecto 90
Título do obxecto COMPUTADOR

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Computador
EE. UU.
IBM 1130, 1969
Facultade de Matemáticas
da Universidade de Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

A industria da informática comeza no ano 1948 co primeiro ordenador electrónico comercializado baixo pedido, o Mark I, fabricado nos Estados Unidos. No ano 1949 iníciase a fabricación en serie de ordenadores co modelo UNIVAC I, do que se venderon 46 equipos.
Os ordenadores electrónicos entran en España no ano 1957 da man da Renfe, coa instalación do primeiro ordenador mainframe (computador central) do país, o IBM 650. No ano 1954 instálanse en Galicia as primeiras máquinas tabuladoras electromecánicas destinadas á contabilidade e confección de nóminas nos estaleiros de Barreras e Astano, dándose deste xeito os primeiros pasos da informática en Galicia.
No ano 1962, o Departamento de Química Técnica da USC instala as primeiras máquinas electrónicas de cálculo. A mediados da década dos 60 do pasado século é cando as caixas de aforros e bancos galegos implantan os primeiros ordenadores electrónicos en Galicia, fabricados por IBM, NCR e Bull.
A finais desta década dos 60 vaise producir un importante salto, coa chegada dun ordenador de última xeración á universidade pública. En 1969 a Fundación Conde de Fenosa fai doazón á Universidade de Santiago de Compostela dun ordenador IBM 1130, deseñado especialmente para resolver problemas científico-técnicos, así como para levar a cabo actividade formativa en programación. Este ordenador, pertencente á segunda xeración tecnolóxica informática, caracterízase polo uso de transistores e memoria de ferritas.
O IBM 1130 dispuña de 16 KB de memoria, 1 MB na unidade de disco intercambiable e unha lectora-perforadora de fichas con capacidade para ler 300 fichas/minuto e perforar 60 fichas/minuto. Adicionalmente, a impresora podía imprimir 82 liñas/minuto. O IBM 1130 chegou tamén cun
equipamento complementario para o uso das fichas: perforadoras, verificadoras e clasificadoras, xunto con 30 discos magnéticos intercambiables.
Coa chegada da nova máquina, a Universidade de Santiago crea o Centro de Programación e Cálculo Barrié de la Maza, o cal pasa a ser o primeiro centro galego que proporciona asistencia á comunidade investigadora e académica e se converte no principal polo de difusión e formación da informática en Galicia.
Este ordenador instálase provisionalmente na Facultade de Ciencias, sendo reitor Manuel García Garrido, e como xefe de equipo responsable das tarefas do novo Centro foi designado Miguel Ángel Ríos Fernández, profesor de Química Física. Como equipo de asistencia técnica do Centro, contábase con dous analistas, unha administrativa, dous operadores e tres perforistas.
No primeiro ano de actividade do Centro, impartíronse cursos de programación Fortran a unhas 200 persoas. No curso 1971-1972, o número de programas executados no IBM 1130 foi superior aos 4000, do que se beneficiaron 28 teses de licenciatura e 13 teses doutorais. Tamén con este ordenador se iniciaron os servizos informáticos para a administración da Universidade, coa elaboración dos primeiros programas para nóminas e matrículas.
Como consecuencia da grande actividade do Centro, no ano 1972 o Ministerio de Educación e Ciencia concede á USC o terminal DCT 2000 para acceso, vía telefónica, ao ordenador UNIVAC 1108 do Centro de Proceso de Datos do MEC en Madrid; este foi un novo gran paso na evolución da informática en Galicia.
O IBM 1130 foi o primeiro ordenador de acceso compartido na Universidade de Santiago de Compostela. A raíz desta experiencia constitúese o Servizo de Informática da Universidade, adoptado posteriormente polas Universidades da Coruña e Vigo. Xa no ano 1992 a Xunta de Galicia e o CSIC, xunto co Sistema Universitario de Galicia, determinan implantar un novo centro de uso compartido para a supercomputación e as comunicacións de altas prestacións, para o que se constituíu o CESGA.

Para saber máis

BERMEJO PATIÑO, Manuel (dir. y coord.) (2008): Dos ábacos aos computadores, Santiago, Servizo de Publicacións da Universidade.
CULTURAGALEGA (2002): «Unha mostra do CESGA amosa a evolución da informática a través de ordenadores galegos», Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega (http://culturagalega.gal/noticia.php?id=2036).
WIKIPEDIA (2015): «IBM 1130», Florida, Wikimedia Foundation (https://es.wikipedia.org/wiki/IBM_1130).