Número obxecto 94
Título do obxecto TIRADOR-ESFINXE DE ESTRELLA GALICIA

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Tirador-esfinxe de Estrella Galicia
O Castro de Samoedo, Sada
Isaac Díaz Pardo, 1995
Sargadelos. O Castro de Samoedo

Datos sobre o obxecto

O tirador-esfinxe de Sargadelos para Estrella Galicia foi deseñado por Isaac Díaz Pardo, fundador e alma da restauración da antiga cerámica creada en 1806 polo ilustrado Antonio Raymundo Ibáñez. O tema da esfinxe acompañou sempre a Isaac ao longo da súa azarosa vida. Este ser mitolóxico con cabeza e busto de muller e corpo de besta, que daba resposta a cantas preguntas lle fixesen, foi para o artista o espello onde reflectía as súas moitísimas dúbidas e desacougos.
Recentemente inaugurada a nova factoría de Sargadelos, aló polo ano 1970, Isaac concibiu unha colección de esfinxes, das que se chegaron a fabricar e comercializar nove modelos distintos, dirixidos a artistas e poetas, namorados, desesperados, listos, poderosos, sabios e demagogos. Segundo Isaac, a esfinxe, que comeza sendo home e remata sendo muller, e que simboliza a velocidade e a forza, recalou en Sargadelos para adquirir o hábito das xentes de Galicia, recibindo con humor as súas inquedanzas e contradicións e burlándose do seu ser e saber. Así, cada esfinxe dedicouna a tipos de xentes diferentes, e cada unha delas tiña escritas debaixo das súas ás as solucións aos enigmas de cada caso. Todas as esfinxes dan as súas repostas con implacable causticidade e ironía, agás a dedicada a artistas e poetas, aos que responde cunha deferencia que deixa translucir unha certa camaradería: «Que ves preguntar á esfinxe que ti non o sepas xa? Ti fixécheme de barro e voltácheme pedra nun fogar; falo pola túa conta, que máis me queres mandar?».
Por outra banda, a empresa Hijos de Rivera, produtora da marca Estrella Galicia, nacera en 1906 da man de José Rivera Corral; como moitos emigrantes retornados do seu tempo, fundou un negocio co capital aforrado na diáspora e de aí naceu a fábrica de xeo e cervexa La Estrella de Galicia. Cos anos, Hijos de Rivera lideraría o sector cervexeiro no país, especialmente a través da marca Estrella Galicia. Nas últimas décadas desenvolvería accións de mercadotecnia de todo tipo vinculándose á sociedade galega no ámbito da música, do deporte ou da gastronomía, entre outros.
Foi en 1995 cando a cervexeira coruñesa se interesou por una tirador de cervexa de Sargadelos; Isaac non o dubidou e propúxolles un tirador-esfinxe. Ignoramos por que se lle ocorreu a Isaac a idea dun tirador con forma de esfinxe, mais non é desatinado pensar que o fixo porque ambos os dous —esfinxe e tirador— lanzan respostas ás moitas preguntas que os homes e as mulleres se fan sobre os enigmas que o porvir lles ten deparados: xa sexa diante da criatura alada ou fronte á copa espumosa de ouro líquido, ninguén deixa de preguntarse polo sentido e o porvir da súa vida. A esfinxe adiviña o futuro e a cervexa acouga os desacougos: velaí unha simbiose perfecta.
Formalmente, este tirador-esfinxe, que Isaac deseña nos anos noventa para Estrella Galicia, diferénciase pouco das pezas antes citadas dos anos setenta. A esfinxe está sentada nunha actitude arrogante, expectante, con ollos grandes e mirada perdida ao lonxe, predominando na súa decoración o azul cobalto, tan característico de Sargadelos.
Tal era a obsesión de Isaac coas esfinxes que o último libro que deu ao prelo, o derradeiro que publicou en vida, estaba dedicado a ela: Tentando construir uma esfinge de pedra, e tiña un subtítulo ben significativo: Desassosegos de Isaac Díaz Pardo. O libro estaba composto por 25 «desasosegos», nos que o artista, provisto dunha gran pedra e un alcamote —así é como se denomina o martelo na xiria dos arxinas, o «latín dos canteiros»—, vai esculpindo unha esfinxe á que lle vai confesando as súas inquedanzas, os seus medos, pesadelos, dúbidas, obsesións e desesperos, e demandando dela respostas aos seus desacougos. Mais as respostas da esfinxe son sempre as mesmas: lémbralle, sen misericordia, o fracaso da súa vida, ao que Isaac lle contesta: «Estou tan afeito a perder que non sei que facer se un día gaño».
Estamos, pois, fronte a unha peza de fonda significación na vida do ceramista, xa que a esfinxe non deixa de ser un reflexo del mesmo, unha sorte de espello no que arrebola todas as súas arelas e as dúbidas que estas orixinan, nun baleiro existencial que o leva ao maior dos desesperos. Vello, canso e descrido, Isaac atopa na esfinxe unha compañeira para a viaxe ao alén.

Para saber máis

PENA MOREDA, Teresa / Fernando ARRIBAS ARIAS (2014): A vangarda das formas: obra cerámica de Isaac Díaz Pardo [folleto da exposición], Afundación (http://www.afundacion.org/docs/cesionsalas/22617/folleto_a_vangarda_das_formas.pdf).
VILLARES PAZ, Ramón / Luis ALONSO ÁLVAREZ (2006): Estrella Galicia: una empresa, un siglo, 1906-2006, A Coruña, Hijos de Rivera.