Número obxecto 96
Título do obxecto CARTEL FÁLALLE GALEGO

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Cartel Fálalle galego
Vigo
Francisco Mantecón / Xunta de Galicia, 1984
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O cartel Fálalle galego, deseñado por Francisco Mantecón a partir dunha fotografía de Manuel Janeiro, foi publicado pola Xunta de Galicia como ilustración dunha campaña publicitaria que impulsou ao longo de 1984. Esta foi a primeira campaña de promoción do uso do galego, e tiña como obxectivo animar os pais e nais a comunicarse cos fillos en galego e, ao mesmo tempo, combater os prexuízos que levaban á ruptura da transmisión da lingua. A campaña consistiu na difusión masiva do cartel e a celebración de espectáculos musicais con grupos galegos, con animación e con intervencións de distintos persoeiros da cultura galega, como Ramón Piñeiro. Os actos máis soados tiveron lugar nas sete principais cidades de Galicia, nas que se organizou cadansúa gran festa arredor do idioma, con destacada afluencia do público infantil.
Manuel Janeiro relata así a xénese do cartel:
Unha das últimas tardes do outono de 1983 acudín a unha cita con Carlos Casares en compañía de Paco Mantecón. Convidábanos a participar nunha campaña de normalización lingüística para a que el se comprometía a acadar os medios. Tiña un eslógan [sic], Fálalle galego, e estaba ilusionado. Pensaba nunha nai falando co fillo no colo.
Para calibrar debidamente a significación desta campaña, hai que lembrar que o galego acababa de ser declarado lingua oficial de Galicia no Estatuto de autonomía (1980), cuxo artigo 5.º estipulaba:
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.
4. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Para desenvolver estas previsións estatutarias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei de normalización lingüística (1983), que concretaba o alcance da actuación dos poderes públicos de Galicia neste eido, ao tempo que obrigaba a Xunta de Galicia a tomar medidas cara á normalización da lingua nos diferentes ámbitos da vida social e institucional, en particular as administracións públicas, o sistema educativo, a cultura e os medios de comunicación. Na xestación e tramitación desa lei desempeñaron un papel fundamental dous deputados galeguistas, Ramón Piñeiro e Carlos Casares. A normalización lingüística do galego arrincou con notable entusiasmo, pero tamén atopou considerables resistencias, o que xerou ferventes debates públicos.
Coa finalidade de dar pulo ao proceso de normalización da lingua galega, o primeiro Goberno da Xunta de Galicia, presidido por Xerardo Fernández Albor, creou no seo da Consellería de Educación a Dirección Xeral de Política Lingüística (1983), da que se fixo cargo Paz Lamela Vilariño. A actuación desta Dirección Xeral concentrouse no ámbito educativo, pero naqueles momentos (e tamén nas décadas seguintes) pensábase que unha das razóns da caída progresiva no uso do galego, e unha das ameazas máis serias para o seu futuro, era a ruptura da transmisión interxeracional da lingua; de aí que o foco daquela primeira campaña Fálalle galego se puxese sobre este aspecto. Polo seu carácter pioneiro e ampla repercusión pública, esta campaña pode considerarse histórica e deixou
unha perdurable lembranza.

Para saber máis

Ana Kiro. Fálalle galego (s. d.) (https://www.youtube.com/watch?v=rkn-xYUZPrs).
CARBALLA ALONSO, Xan Manuel (2010 [2013]): «Violeta, a nena de Fálalle galego», A Nosa Terra, 1401, 8 de abril [blog de Xan Carballa, 15 de abril] (http://xancarballa.eu/Xan_Carballa/Reportaxes/Entradas/2013/4/15_Violeta,_a_nena_de_Falalle_galego.html).
MONTEAGUDO ROMERO, Henrique / Xan BOUZADA FERNÁNDEZ (coords.) (2002): O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000), vol. I: Política lingüística. Análise e perspectivas, Santiago, Consello da Cultura Galega (http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2002_O-proceso-de-normalizacion-linguistica-do-idioma-galego-1980-2000-V-I-Analise-e-perspectivas-Cidadania-Rede-de-Aplicacions-Sociais.pdf).