Número obxecto 97
Título do obxecto PELEGRÍN

Gústache?

Coñecíalo?


Características

Cartela

Pelegrín
Luis Carballo, 1993
Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Santiago de Compostela

Datos sobre o obxecto

O Pelegrín é o logotipo do Xacobeo 93, o primeiro gran programa turístico promovido pola Xunta de Galicia. Trátase do deseño, elaborado por Luis Carballo, dunha figura antropomorfa e asexuada que representa un peregrino que viste o atavío tradicional. A estrutura piramidal do corpo está cuberta por unha capa vermella, e co brazo sostén un bastón que leva unha cabaza a xeito de cantimplora. A cabeza fusiónase co sombreiro e alí concéntrase o principal trazo humano do deseño, dous ollos redondos sen nariz nin boca.
O deseño comezou a realizarse no ano 1991 e fíxose público en 1992, durante a Exposición Universal de Sevilla, onde o Pelegrín tomou por primeira vez consistencia real en forma de boneco animado. No ano 1992 o Pelegrín tamén foi a imaxe da Vuelta Ciclista a España e causou un grande impacto popular ao se atopar o público ante unha icona e un concepto que non se coñecían demasiado: os da peregrinación a Compostela. Pero non será ata o ano 1993 cando se obteña sona internacional, coincidindo co xubileu compostelán. O Pelegrín vaise converter na mascota oficial do ano santo 1993 e a súa distribución tornarase viral entre miles de persoas a través de elementos de merchandising como os famosos pins. O Pelegrín tería múltiples aplicacións durante eses anos, desde personaxe animada virtualmente ata pequenas pezas de debuxos animados, e achou a súa contestación na contracultura en cómics como o Spesial Pelegrín, realizado polo Frente Comixario, en Ourense, canda outros colectivos que criticaban a excesiva orientación turística da política cultural da Xunta. A partir do Xacobeo 99 perderá forza ata desaparecer.
O Pelegrín simboliza a primeira vez que a comunidade autónoma de Galicia, conformada en 1983, afronta un gran proxecto de mercadotecnia turística destinada a construír un novo destino a partir da potenciación do
seu capital artístico e cultural. Aínda que o carácter de Santiago de Compostela viña marcado historicamente polas peregrinacións, o certo é que as cifras de visitantes eran moi reducidas e a índole relixiosa a principal motivación do pequeno número de peregrinos.
Os anos 80 foran determinantes a nivel político para construír a imaxe do destino turístico e cultural de Compostela. A Unión Europea declarou o Camiño Francés primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1984 e en 1985 a UNESCO recoñeceu a cidade de Santiago como Patrimonio da Humanidade. O recoñecemento facilitou a creación de programas de conservación e rehabilitación da cidade vella que frearon a probable deterioración e que seguen a aplicarse ata hoxe. As dúas visitas de Xoán Paulo II ao longo dos anos 80 (anos 82 e 89) foron tamén determinantes para dar a coñecer a cidade a nivel internacional.
O presidente Manuel Fraga, do Partido Popular, chegou ao Goberno da Xunta por maioría absoluta en 1990. No seguinte ano, Fraga anunciou a creación do Xacobeo 1993, o intenso programa cultural e turístico que a partir dese momento acompañaría cada un dos anos santos da catedral de Santiago. Aínda que a comunidade autónoma dispuña das competencias en turismo desde a súa fundación no ano 1983, non foi ata a presidencia de Fraga cando se artellou unha estratexia global neste sentido. Fraga incorporou a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, voceiro do Goberno, como responsable do desenvolvemento do programa turístico e cultural do Camiño de Santiago, e é neste contexto onde nacen as dúas primeiras marcas vinculadas ao turismo galego: o Pelegrín e a icona do Xacobeo 93, un bastón cunha cabaza asociada á tipografía do Xacobeo. A xeito anecdótico, hai dicir que segundo Vázquez Portomeñe foi concibida nunha mesa da coñecida taberna O Gato Negro, da compostelá rúa da Raíña.
Desde entón, o Camiño de Santiago vai ser o principal atractivo turístico de Galicia, transformando en profundidade o sector turístico non só da cidade, senón tamén do resto de pequenas localidades a través das que pasan os diferentes camiños que conducen a Compostela, espertando non poucas rivalidades locais por este motivo e especializando a marca Galicia no conxunto do Estado e no exterior. Os resultados numéricos son indiscutibles: no ano 1992 rexistráranse 9764 peregrinos. No ano santo de 1993 a cifra ascendeu a 99 436 peregrinos que solicitaran a Compostela, ata a cifra actual de 215 880 do ano 2014 (fonte: Oficina do Peregrino). En canto aos viaxeiros que fixeron noite en Galicia, dos 1 634 630 visitantes do ano 1995 pasamos aos 3 647 572 de 2015 (fonte: INE). Tras varios séculos de esquecemento relativo, o Camiño de Santiago volvía conectar Europa con Galicia.

Para saber máis

OFICINA DE ACOGIDA AL PEREGRINO (s. d.), «Estadísticas», Santiago de Compostela, Catedral (http://peregrinossantiago.es/esp/oficina-del-peregrino/estadisticas/).
SANTOS SOLLA, Xosé Manuel (2006): «El Camino de Santiago: turistas y peregrinos hacia Compostela», Cuadernos de Turismo, 18, 135-150.
VÁZQUEZ PORTOMEÑE, Víctor Manuel (2014): Testigo y parte de la historia reciente de Galicia, A Coruña, Hércules.